200.000 persoas experimentan a química da Feira Franca

Pontevedra
05 de setembro 2015

A ocupación hoteleira acada o 100%, segundo os datos do Concello pontevedrés, e os establecementos do centro histórico colgaron os carteis de completo para servir as comidas durante este sábado

Recreación do transporte do viño na Feira Franca 2015
Recreación do transporte do viño na Feira Franca 2015 /

Calcúlase que ao redor de 200.000 persoas se encontran durante a xornada deste sábado gozando das primeiras horas da celebración da XVI edición da Feira Franca. A festa medieval dedicada, nesta ocasión, á alquimia volveu vivir a entrada da carruaxe do viño que, este ano, contaba cuns convidados especiais, os protagonistas dunha voda medieval que camiñaron pola rúa Santa Clara, Sarmiento e Pasantería, tal e como se facía na época medieval, ata chegar á praza da Ferrería.

A hostalaría nos espazos nos que se celebra a Feira Franca colgaron o cartel de completo ante a cantidade de público e os hoteis tamén se sitúan nun 100% de ocupación para esta festa que ofrece colorido e diversión durante toda esta xornada do sábado.

Exhibicións de cetraría, tiro con arco, esgrima e danza distribúense entre o centro histórico e na avenida de Monteiro Ríos. Pola tarde celebrarase o gran torneo medieval a partir das 17:30 horas na Praza de Touros coa intervención do grupo de especialistas Hípica Celta. A entrada é gratuíta e o acceso poderase realizar polas portas 2, 3 e 6 do coso taurino. Ás 20.00 horas acollerase outro gran torneo medieval no mesmo recinto.

A partir das 21.00 horas celebrarase o cantar de cego e animación con música medieval a cargo de Foula polas rúas do casco histórico, que darán paso ao pasacalles Dos errantes e á fin de festa, a partir das 23.00 horas, a cargo de Art Monium.

Arquivado en