A Deputación de Pontevedra ten previsto investir en 2022 preto de 200.000 euros nunha nova campaña de promoción da provincia como destino turístico.
Trátase dunha campaña, segundo explicou este venres a presidencia provincial Carmela Silva, que se desenvolverá en medios online, offline e redes sociais centrándose especialmente no ámbito estatal pero tamén no internacional. "Fixaremos o noso posicionamento nos mercados prioritarios de Madrid, Cataluña, Andalucía e noroeste peninsular xa que os datos de big data indícannos que é onde temos maior capacidade para atraer visitantes", sinalou.
"A Deputación terá moito en conta as novas tecnoloxías e a innovación para esta nova campaña, que daremos a coñecer a mediados de xaneiro en FITUR e que vai ser moi sorprendente", avanzou a presidenta provincial.
Silva destacou os resultados "espectaculares" conseguidos coa última campaña de promoción, logrando 23 millóns de impresións en medios online e 5,5 millóns de visualizacións completas dos vídeos da campaña.
PLANS DE SUSTENTABILIDADE TURÍSTICA EN ZONAS DO RURAL
Na súa comparecencia, a presidenta da Deputación presentou tamén os dous plans de sustentabilidade turística que foron presentados aos fondos europeos Next Generation.
Trátase de proxectos centrados nas comarcas de Deza-Tabeirós (algo máis de 2 millóns de euros) e O Condado-Paradanta (1,5 millóns de euros) que "nos van a permitir desenvolver un potente programa turístico nestas comarcas"
CERTIFICADO 'Q' DE CALIDADE PARA O CASTELO DE SOUTOMAIOR
Por último a presidente provincial celebrou a concesión do certificado 'Q' de calidade para o Castelo de Soutomaior. "É o primeiro espazo musealizado de Galicia que obtén este recoñecemento", destacou a dirixente.
"Estamos moi orgullosos porque a nota foi a máxima, un dez", engadiu Silva.
Este recoñecemento únese á inclusión hai poucas semanas dos xardíns do castelo no roteiro europeo de xardíns históricos. Todo nun ano no que desde xaneiro contabilizou 30.270 visitas a este monumento, cifra récord superior á alcanzada no 2019, antes da pandemia.