Soutomaior acollerá este sábado, 3 de febreiro, a partir das 17:30 horas o seu desfile de comparsas de Entruido. En total serán 20 as comparsas que desfilen polo centro urbano de Arcade.
Ademais das dúas comparsas locais de 'Moreira A Tope' e 'Miúdos', participarán outras 17 comparsas chegadas de diversos concellos, como Marín, Redondela, Ponteareas, Gondomar e Tomiño, entre outros, e que contan cunha ampla experiencia nestes desfiles.
O grupo de 20 comparsas estará completado pola comparsa municipal, que este ano recibirá o nome de 'Comando Inxustizas'.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que o goberno local organizou nas semanas previas varios obradoiros para que as persoas interesadas en participar puidesen elaborar os seus disfraces e prepararse para o desfile do día 3 de febreiro.
Este luns, o concelleiro de Seguridade, Diego Moreira, e a concelleira de Xuventude, Rosana Martínez, mantiveron unha reunión con Protección Civil e coa Policía Local de Soutomaior, así como con diversos servizos municipais, co obxectivo de coordinar o dispositivo de seguridade.
Así, o 3 de febreiro o tráfico cortarase na rúa do Calvario e na Avenida Xosé Solla dende as 16:30 horas e ata o remate do desfile. Ademais, tamén estarán cortadas as vías de acceso a estas dúas estradas, e o dispositivo de seguridade de Protección Civil e Policía Local encargarase de dirixir o tráfico e informar sobre os itinerarios alternativos.
Ao remate do desfile, na Alameda de Talo Río, procederase á lectura do pregón, a entrega de premios ás comparsas gañadoras e unha sesión de verbena a cargo da Discomóbil Dolcevita. A concelleira Rosana Martínez sinalou que toda a actividade do día 3 de febreiro integrarase dentro do programa 'Soutomaior Inclusivo', polo que as persoas e as familias adheridas a este poderán beneficiarse das vantaxes garantidas por este programa para desfrutar en igualdade de condicións que o resto de veciñanza e público asistente doutros concellos.
PROGRAMACIÓN PARA O DOMINGO
O domingo, 4 de febreiro, tamén haberá actividade na Alameda de Talo Río, coa sesión vermú a cargo do grupo de canto de tabernas 'Canta nas croas', a partir das 12:30.
Ademais, haberá un inchable para os máis pequenos (estas dúas actividades serán de balde). Por outra parte, na xornada do domingo habilitarase un espazo gastronómico con prezos populares.
Neste sentido, a concelleira de Comercio e Promoción Económica, Rosana Comesaña, sinalou que nos vindeiros días o Concello de Soutomaior anunciará o listado de bares e restaurantes adheridos á iniciativa 'Entruido gastronómico', dentro do programa 'Eu quero local'. A iniciativa, dirixida á hostalaría e restauración local, ten por obxectivo elaborar unha guía gastronómica cun 'Menú especial de Entruido' de cada bar e restaurante adheridos. O Concello de Soutomaior publicará nos vindeiros días esta guía gastronómica para que toda a veciñanza de Soutomaior e doutros concellos poida degustar a variedade de produtos locais que o noso concello ofrece nesta época do ano.