A xustiza ditou sentenza contra Juan Antonio Lusquiños, o autor do asasinato en outubro de 2015 da súa ex moza, Conchi Reguera, un crime machista cometido en Ponte Sampaio. A Audiencia de Pontevedra resolveu condenalo a vinte anos de prisión.
A sentenza da sección segunda da Audiencia pontevedresa considera probado que o acusado, coñecido como 'Coco', esperou á muller nas inmediacións do seu domicilio e que, con permiso da vítima, subiu ao seu coche unha vez chegou.
Alí comezaron a discutir e "con ánimo de acabar coa súa vida e de forma sorpresiva, sen que ela puidese reaccionar e defenderse, atacouna cunha arma branca", segundo recolle o maxistrado na sentenza.
Lusquiños deu morte a Conchi Reguera, segundo o fallo xudicial, en plenas facultades mentais, por sorpresa e de forma brutal. Apuñalouna unha vintena de veces e tan só deixou de facelo porque un home, alertado polos berros da vítima, descubriu o que estaba a facer "e non porque quixese facelo voluntariamente".
Aínda que confesou os feitos cando foi detido, a sentenza conclúe que non considera que isto supuxese ningunha colaboración pola súa banda para esclarecer o crime, posto que nese momento xa se sospeitaba da súa participación nos feitos e abríranse actuacións xudiciais contra el.
O acusado, lembra o tribunal, mantivo unha relación sentimental coa vítima durante nove meses, á que ela puxo fin dous meses antes do crime, unha ruptura que este "non aceptara de bo grado".
Ademais dos 20 anos de cárcere, o autor deste crime machista non poderá residir -e nin sequera acudir- no lugar de Acevedo, o termo municipal de Ponte Sampaio ou a cidade de Pontevedra durante 25 anos, a contar tras a súa saída de prisión, lugar no que se atopa desde que cometeu este asasinato.
Tamén terá que indemnizar aos familiares de Conchi Reguera pola súa morte. En concreto, con 120.000 euros aos seus pais e con 60.000 euros aos seus tres irmáns, a razón de 20.000 euros para cada un.
Polo roubo do coche da vítima, no que Lusquiños fuxiu do lugar do crime tras dar morte a Conchi, a Audiencia de Pontevedra considérao autor tamén dun delito de furto, polo que se lle condena a pagar unha multa de seis euros diarios durante un mes.