20.000 sinaturas piden a Fomento que paralice a autovía A-57

Pontevedra
30 de abril 2015

As sinaturas van acompañadas por unha carta nova carta na que 'Salvemos a Fracha' recorda á ministra de Fomento, Ana Pastor, que os afectados "seguimos demandando ser recibidos polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, ou por vostede mesma como responsable do Ministerio de Fomento", petición que xa lle fixeron en misivas anteriores  

Salvemos A Fracha entrega 20.000 sinaturas na delegación de Fomento
Salvemos A Fracha entrega 20.000 sinaturas na delegación de Fomento / Cristina Saiz

Centos de folios cheos de sinaturas. Preto de 20.000 en total. Esa foi a última entrega masiva que chegou ao Ministerio de Fomento en Pontevedra. Entregárona varios integrantes da plataforma vecinal 'Salvemos a Fracha' na delegación territorial de Pontevedra para pedir que se paralice o proxecto para construír a autovía A-57.

Estas sinaturas entregadas este xoves foron recollidas tanto a través dunha petición na plataforma dixital Change.org como en persoa nos distintos actos reivindicativos organizados polo colectivo nos últimos meses e pretenden demostrar que ao proxecto da A-57 non só se opón un grupo de veciños, senón unha plataforma que conta co apoio de colectivos sociais, ecoloxistas, culturais... e co respaldo de miles de cidadáns de Pontevedra, Galicia e España, que apoian e defenden as razóns esgrimidas e piden a paralización do proxecto coa súa sinatura.

As sinaturas van acompañadas por unha nova carta na que 'Salvemos a Fracha' recorda á ministra de Fomento, Ana Pastor, que os afectados "seguimos demandando ser recibidos polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, ou por vostede mesma como responsable do Ministerio de Fomento", petición que xa lle fixeron en misivas anteriores.

O colectivo reitera á ministra o seu convite a pasear pola serra da Fracha para que coñeza mellor este canto de Pontevedra que agora está en perigo e que é lugar de esparexemento habitual de miles de persoas e pídenlle que "como cidadáns temos dereito a ser escoitados e recibidos ou, polo menos, ter unha resposta ás nosas demandas".

A carta insiste en que o colectivo leva un ano opoñéndose ao proxecto da autovía A-57, defendendo o monte pontevedrés do que considera que será unha ameaza grave para o ámbito natural da Fracha e transmitindo que "esta infraestrutura non é a circunvalación de Pontevedra que moitos políticos se empeñan en vender", non o é por razóns de lóxica (en atención ao seu trazado) e tamén por razóns técnicas. De feito, os propios técnicos do informe do Ministerio de Fomento "refírense a esta autovía como corredor norte-sur A-57 e nunca como circunvalación".

Ao longo deste ano, o colectivo denuncia que as alegacións que presentaron 'Salvemos a Fracha' e outros colectivos afectados pola A-57 non foron tidas en conta e presentouse un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional

Arquivado en