A Consellería de Vivenda e Infraestruturas destinará 2,3 millóns de euros á reparación do firme de preto de 27 quilómetros de estradas autonómicas na área de Pontevedra.
As obras afectarán ás vías PO-552, PO-542, PO-546 e PO-551 ao seu paso polos concellos de Pontevedra, Ponte Caldelas, Bueu e Cangas.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presentou este mércores o proxecto acompañado por técnicos da dirección territorial nunha visita á PO-542.
Segundo explicou o representante autonómico, estas actuacións mellorarán a seguridade viaria e a comodidade dos milleiros de condutores que utilizan diariamente estas estradas.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o 7 de abril para presentar as súas ofertas.
Os traballos incluirán fresados localizados, reposición de capas de firme e selado de fisuras con mestura bituminosa. Tamén se realizarán actuacións complementarias como a renovación de interseccións, mellora de áreas de descanso, reposición de marcas viarias e instalación de elementos de seguridade.
Por concellos, Pontevedra recibirá a maior parte do investimento con máis de 1,3 millóns de euros. En Ponte Caldelas destinaranse 355.000 euros, en Bueu máis de 400.000 euros e en Cangas preto de 200.000 euros.
Na PO-546, a estrada interior que conecta Pontevedra con Marín, destinaranse máis de 200.000 euros para o reforzo do tramo entre o punto quilométrico 1+800 e o 4+098, con especial reforzo na zona marcada a partir do quilómetro 2+600.
Na PO-532 investiranse máis de 700.000 euros, principalmente nos tramos entre os puntos quilométricos 3+000 ao 7+000 e do 12+880 ao 14+200, incluíndo a glorieta da Reigosa.
A PO-542 contará cun orzamento de case 800.000 euros para reparacións de firme, un novo cambio de sentido no punto quilométrico 0+350 e a rehabilitación dunha área de descanso entre os quilómetros 4+100 e 4+230.
Por último, a PO-551, que une Marín e Moaña, recibirá case 600.000 euros para mellorar o firme entre os puntos quilométricos 9+000 e 14+700, incluíndo a glorieta da Madalena, e entre o 5+100 e o 6+300, nos seus tramos polos concellos de Bueu e Cangas.