2.500 mozos aspiran ás 424 bolsas de práctica laboral da Deputación que terán unha segunda fase en 2014

Pontevedra
15 de novembro 2013

Non se cubriron as demandas de enxeñeiros de Telecomunicacións en Electrónica e Telemática, de enólogos e de animadores en 3D

Un grupo de mozos fai cola ante o rexistro da Deputación
Un grupo de mozos fai cola ante o rexistro da Deputación / Mónica Patxot

Preto de 2500 mozos conforman a lista de aspirantes a unha das 424 bolsas de práctica laboral en 379 empresas da provincia.

O día 25 de novembro publicaranse as listas provisionais de admitidos na web da Deputación e os bolseiros contarán con 3 días en caso de presentar unha reclamación.

A media por praza é de 6 solicitantes pero catro dos postos ofrecidos quedaron vacantes ao non se presentar ningún aspirante cos estudos superiores que se reclamaban. Ninguén se presentou ás prazas que se ofertaban para licenciados en Enoloxía, animadores en 3D ademais de enxeñeiros de telecomunicacións de Electrónica e Telemática.

En Pontevedra presentáronse 1600 solicitudes mentres que en Vigo chegaron ás 800.

Segundo sinalou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, o obxectivo é "dar cobertura a preto do 50% dous mozos que presentaron solicitude". Os seleccionados, a través desta bolsa, terán a súa primeira oportunidade laboral na profesión para a que realizaran os seus estudos.

O maior número de solicitudes proceden de titulacións universitarios con 1.055 persoas fronte aos 608 que son titulados de ciclos superiores.

Louzán indicou que está previsto que se oferten outras 500 bolsas a principios de 2014.