2.326 pacientes manteñen a infección activa de covid-19 na área sanitaria

Pontevedra
12 de marzo 2022

Rexistrouse unha escasa variabilidade en casos activos durante as últimas 24 horas. A Consellería de Sanidade notifica un paciente menos que o venres en casos activos e descende en tres pacientes o número de persoas hospitalizadas en Montecelo e no Hospital do Salnés. Nas últimas horas detectáronse 169 novos positivos

Datos covid neste sábado 12 de marzo na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Datos covid neste sábado 12 de marzo na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés / Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Durante as últimas horas rexistrouse unha escasa variabilidade en canto a casos activos e pacientes hospitalizados con covid na área sanitaria. A Consellería de Sanidade notifica este sábado 12 de marzo un total de 2.326 pacientes con infección activa na zona de Pontevedra e O Salnés, un menos que o venres. 

Destes pacientes, 44 persoas permanecen hospitalizadas, tres menos que o día 11. Destes casos, 39 permanecen en planta do Hospital Montecelo e 3 atópanse no Hospital do Salnés. A eles hai que sumar dous ingresos na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, un menos que o venres.

O número de novos positivos durante as últimas 24 horas sitúase en 169 pacientes. 165 a través de probas diagnósticas. Non se rexistraron falecementos na área sanitaria. A cifra de decesos desde o inicio da pandemia mantense en 263 enfermos.

DATOS DE GALICIA

Saúde Pública notificaseis mortes máis como consecuencia da pandemia en Galicia. Trátase de persoas con idades comprendidas entre os 77 e os 95 anos, tres delas falecían en Vigo. O número de mortes desde o inicio dos plans de continxencia en Galicia sitúase en 3.151.

O número de casos activos neste sábado é de 19.915 pacientes, 474 máis que o venres. Os enfermos hospitalizados descenden. Os datos reflicten 348 en planta dos hospitais galegos, 8 menos que onte; e outras 26 persoas nos servizos de UCI, un menos que nas últimas 24 horas.

Rexistráronse 1.716 positivos novos do coronavirus durante a última xornada. Son 146 contaxios diarios menos respecto ao venres e 217 menos en relación ao sábado 5 de marzo. 

Por áreas sanitarias, os casos activos son os seguintes: A Coruña-Cee: 4.073 (+174); Vigo: 3.587 (+80); Santiago-O Barbanza: 3.269 (+1); Ourense: 2.898 (+92); Lugo: 2.406 (+51); Pontevedra-O Salnés: 2.326 (-1); Ferrol: 1.269 (+76); e sen área sanitaria asignada: 87 (+1).

En canto á incidencia acumulada a 7 días nas cidades, Pontevedra continúa baixando a 442 casos por cada 100.000 habitantes; mentres que tres cidades galegas ascenden: Vigo sobe a 417; Ferrol a 445; e Santiago a 503.