197 luminarias tipo LED para renovar o alumeado público de Barro

Barro
08 de abril 2021

As actuacións deste proxecto inclúen o cambio de 197 luminarias en total no Concello de Barro. Desta forma, pasarán a tecnoloxía LED todas as luminarias dende o Lombo da Maceira ata a entrada do lugar da Maquieira, exceptuando o tramo de Santo Antoniño, posto que irá noutro proxecto distinto

Edificio do Concello de Barro
Edificio do Concello de Barro / Concello de Barro

O Concello de Barro adheriuse ao proxecto colectivo elaborado pola Deputación de Pontevedra co que se conseguiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) con fondos europeos para actuacións de renovación de alumeado público exterior mediante a substitución das luminarias actuais por luminarias tipo LED.

Tal e como declarou o goberno local, a tecnoloxía LED é fundamental para avanzar no obxectivo dunha economía baixa en carbono e na transición ecolóxica cara un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente. A eficiencia desta luminaria ten como consecuencia un aforro enerxético do 45% e a conseguinte redución das emisións de CO2.

Esta actuación ten un orzamento de 89.724.28 euros e será financiada nun 80% con fondos FEDER, nun 15% pola Deputación de Pontevedra e nun 5% polo Concello de Barro. Segundo o Concello, as obras darán inicio nas vindeiras semanas e estarán rematadas antes do verán.

As actuacións deste proxecto inclúen o cambio de 197 luminarias en total. Desta forma, pasarán a tecnoloxía LED todas as luminarias dende o Lombo da Maceira ata a entrada do lugar da Maquieira, exceptuando o tramo do Santo Antoniño, posto que irá noutro proxecto distinto.

Ademais, a tecnoloxía LED tamén chegará aos lugares do Coruto, Porráns, Cangrallo e a algunhas luminarias dos lugares do Pazo e Constenla, por ser dependentes de cadros eléctricos situados na N-550.

Esta será a primeira fase de cambio de luminarias en Barro xa que, segundo o goberno municipal, están traballando nun novo proxecto para cambiar máis de 400 luminarias das tradicionais por luminarias con tecnoloxía LED nas parroquias de Curro e A Portela, e no núcleo do Santo Antoniño.