O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro está a executar estes días obras de mellora nas súas instalacións, financiadas pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
En total destínanse a estes traballos 185.000 euros, coa intención de manter en bo estado uno dos conxuntos arqueolóxicos ao aire libre máis destacados de Europa.
Actualmente estanse executando os labores de consolidación dos camiños que conducen aos petróglifos, así como reparacións do edificio do parque e a mellora da súa accesibilidade, traballos que levan 100.600 euros do orzamento total e que se atopan na súa fase final.
Os danos que se están arranxando foron ocasionados na súa maioría polas condicións meteorolóxicas dos últimos invernos, segundo explicouse na visita que este sábado protagonizou ás instalacións o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
Durante o mes de xullo tamén se procederá a colocar iluminación LED en tres petróglifos, e tamén está previsto iniciar a reparación da recreación do poboado da Idade de Bronce.
De maneira paralela a todos estes traballos, a Consellería pretende iniciar unha nova escavación arqueolóxica, coa limpeza, documentación, protección e sinalización do petróglifo Coto da Chan, descuberto recentemente nas inmediacións do límite norte do parque aínda que fóra do mesmo. A intención pasa por ordenar a cuberta vexetal, escavar a súa contorna próxima, documentar e rexistrar as figuras e poñelo en valor cun peche perimetral e información divulgativa.