180.000 euros irán destinados a adquirir terreos para a nova depuradora de Soutomaior

Soutomaior
28 de marzo 2025
Actualizado: 17:44

Unanimidade na corporación municipal durante o pleno para instar á Xunta a executar as obras dunha infraestrutura que dará servizo a catro municipios

Pleno do Concello de Soutomaior
Pleno do Concello de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior deu un paso importante para desbloquear a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), unha infraestrutura que leva máis de dez anos de atraso e que, segundo o goberno local, resulta fundamental para o saneamento da ría e a protección dos bancos marisqueiros da zona.

Segundo confirmou o alcalde Manu Lourenzo, o goberno municipal xa iniciou contactos con propietarios dos terreos afectados para axilizar o proceso de adquisición, destinando un orzamento de 180.000 euros das arcas municipais.

"Para o Concello é un esforzo moi importante asumir, por unha banda, o impacto dunha depuradora que dará servizo a catro concellos, con notable importancia en todo o territorio", explicou Lourenzo durante o pleno celebrado este 28 de marzo, onde destacou o compromiso municipal "co medio ambiente, coa nosa ría e cos nosos bancos marisqueiros".

A sesión plenaria evidenciou unha postura unánime de todos os grupos políticos (BNG, PSOE e PP) respecto á necesidade de que a Xunta de Galicia asuma o custo das obras.

Tamén piden que Augas de Galicia execute as obras coa maior brevidade posible, unha vez que o Concello poña os terreos á súa disposición, tal e como sinalou Noelia Ocampo, a voceira do Partido Popular, en resposta a unha pregunta directa do alcalde.

Lourenzo incidiu na importancia estratéxica desta infraestrutura: "Trátase dun investimento fundamental para o futuro de Soutomaior no que todas e todos debemos velar polos intereses da nosa ría, dos nosos bancos marisqueiros e da nosa veciñanza", sinalando ademais que "ninguén entende que máis dunha década despois non se teña avanzado nesta infraestrutura".

O alcalde tamén subliñou o valor ecolóxico da zona, situada na Rede Natura, "unha paisaxe que ademais de ser unha xoia en termos medioambientais é un dos motores económicos da comarca".

O rexedor manifestou a súa satisfacción pola unanimidade acadada na corporación municipal "a respecto dos pasos a seguir para que a nosa contorna poida ter canto antes unha ría produtiva, limpa e saneada", sinalaba Lourenzo na sesión.