18 pacientes seguen ingresados con covid-19 na área sanitaria, cinco na UCI

Pontevedra
29 de agosto 2021

O número de casos activos descende a 634 pacientes, 55 menos que na xornada do sábado continuando a progresiva baixada de positivos que se rexistra durante a última semana. Na xornada do sábado notificouse o falecemento dun home de 85 anos con coronavirus en Montecelo, que eleva a cifra de mortes na área sanitaria a 200 vítimas desde o inicio da pandemia

Datos covid-19 durante este domingo 29 de agosto na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Datos covid-19 durante este domingo 29 de agosto na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés / Consellería de Sanidade

Tras o falecemento notificado este sábado dun home de 85 anos, diagnosticado por coronavirus, no Hospital Montecelo, este domingo rexístranse 18 pacientes ingresados nos hospitais da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, un menos que durante o día 28. 

Entre estes pacientes, 13 persoas atópanse en planta de hospitalización: oito no Hospital Montecelo, catro no Hospital  do Salnés e un no Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez. A esta cifra, hai que sumar os cinco enfermos que permanecen, os mesmo que o sábado, na unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Descenden, continuando coa progresiva baixada da última semana, o número de casos activos. A Consellería de Sanidade notifica 634 positivos, 55 menos que o sábado. Deste número, 616 persoas atópanse nos seus domicilios recuperándose da enfermidade. No municipio de Pontevedra tamén segue reducíndose o número de contaxios situándose en 189, 17 menos nas últimas 24 horas.

Coa última vítima, a área sanitaria suma 200 falecementos orixinados pola pandemia. Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 20.286 persoas, 71 máis durante a última xornada.

Nas últimas 24 horas realizáronse 458 probas PCR detectándose 18 novos positivos.

DATOS EN GALICIA

Durante a última xornada detectáronse 393 novos positivos en Galicia, segundo os datos da Consellería de Sanidade. Trátase de 59 contaxios diarios menos respecto a a xornada do sábado e 167 menos en relación á cifra detectada o domingo anterior.

O número de casos activos tamén descende na comunidade autónoma situándose en 8.607 (-346) con 245 persoas hospitalizadas en planta, catro menos que o sábado. Nas Unidades de Coidados Críticos mantéñense 55 enfermos con covid, os mesmos que hai 24 horas.

Por áreas sanitarias, o número de casos activos é o seguinte: A Coruña-Cee: 2.271 (-113) Vigo: 1.614 (-159) Lugo: 1.462 (+25) Santiago-O Barbanza: 1.330 (+10) Ourense: 686 (-22) Pontevedra-O Salnés: 634 (-55) e Ferrol: 610 (-32).

O número de falecementos notificado o sábado foi de 3 persoas. Desta forma, as vítimas mortais pola pandemia en Galicia ascenden a 2.560 persoas.

166.785 persoas curáronse desde que se adoptaron medidas contra a enfermidade. Trátase de 735 curados máis que o sábado.