Desde o 20 de outubro de 2020, a Policía Local de Vilagarcía tramitou 315 propostas de sanción con motivo de infraccións cidadás durante o actual estado de alarma.
En concreto, desde o 24 de decembro cursáronse 146 denuncias polos axentes policiais. As máis frecuentes foron por incumprir os horarios do toque de queda, neste caso presentáronse 47 denuncias. En segundo lugar atópanse, con 41 casos, os saltos dos peches perimetrais por parte da cidadanía que pretende moverse entre diferentes municipios.
Tamén se tramitaron 18 denuncias por participacións en botellóns entre persoas non conviventes e, ademais, establecéronse partes de denuncia contra 20 persoas que carecían da máscara protectora obrigatoria cando circulaban pola rúa.
Por último, a Policía Local cursaba 13 propostas de sanción contra establecementos hostaleiros por diferentes causas, relacionadas co incumprimento das normas de seguridade anti covid para o uso deste tipo de establecementos como son, entre outras, o mantemento das distancias de seguridade ou o consumo en interior ou na barra cando está prohibido. Ademais, tramitáronse outras 7 denuncias por reunións de persoas non conviventes.
Desde o Concello sinalan que a Policía Local mantense vixiante e denunciando todos aqueles casos de persoas que realicen caso omiso ás advertencias das autoridades sanitarias e poñan en risco á saúde colectiva.
Segundo a información facilitada polo Concello de Vilagarcía, este martes 9 rexístranse 181 casos activos coa enfermidade covid no municipio, doce casos menos que na xornada deste luns.