O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, inaugurou este martes a I Xornada Formativa para Policía Local sobre Protección e Seguimento de Vítimas de Violencia de Xénero.
Hai 1.734 mulleres da nosa provincia con distintas medidas de protección no sistema VioGén e a xornada celebrada hoxe naceu como "un foro profesional para mellorar a súa protección".
Este curso ofreceu "información en primicia", enviada polo Ministerio de Interior, da nova aplicación informática VioGén2, que soporta a interfaz e as bases de datos coas que operan as forzas e corpos de seguridade.
O subdelegado felicitou aos axentes das policías locais de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Sanxenxo, Moaña e Salceda de Caselas que asistiron a este curso formativo "nun asunto de primeira magnitude" e cualificou como "incomprensible" a ausencia de 11 dos 17 concellos da provincia que teñen asinado o convenio para adherirse a VioGén e que, por tanto, reciben fondos específicos do Pacto de Estado de Violencia de Xénero.
O curso celebrouse na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra baixo a coordinación de María José Rodríguez, xefa da Unidade de Prevención de Violencia de Xénero da Subdelegación.
Contou coas ponencias de Belén Rubido, xuíza decana e titular do Xulgado 4 de Pontevedra; da responsable da UFAM de Vigo, Natalia Feijoo; e da responsable da EMUME da Garda Civil, Irene García.
Ademais de explicar o funcionamento da nova contorna informática VioGén2 cun caso práctico posto a disposición polo Ministerio de Interior, durante a xornada abordáronse os detalles da primeira intervención policial diante dun caso de violencia de cara á celebración da fase de xuízo oral.
Tamén falouse da normativa específica en Violencia de Xénero. Ademais afinouse sobre as valoracións policiais de risco (VPR) para a protección das vítimas e a evolución desas valoracións (VPER). Finalmente debulláronse os distintos niveis de risco (non apreciado, baixo, medio, alto e extremo) e as medidas que levan aparelladas.
TRÁMITES DE DOCUMENTACIÓN
A Comisaría Provincial de Pontevedra lembra a todos os cidadáns que ante a proximidade das festas do Nadal fagan a previsión necesaria para a renovación da documentación se van viaxar nas próximas datas e así evitar esperas e desgustos de última hora.
Lémbrase que se pode renovar o DNI cunha antelación á data de caducidade duns 180 días e o pasaporte cunha anterioridade de 365 días.
O DNI en Pontevedra expídese na antiga sede do Banco de España, entrada pola Rúa Fernández Villaverde nº 1 esquina Michelena.
O horario para calquera trámite relacionado con documentación de españois (DNI e pasaporte), na actualidade é de 09:00 a 19:00 horas, en horario continuado de luns a xoves e de 09.00 a 14.30 horas os venres.
Actualmente, lémbrase aos cidadáns que se pode solicitar cita a través de Internet ( www.citapreviadnie.es )