O Museo de Pontevedra acolleu este luns a presentación en Galicia dun proxecto liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo e no que participan 17 institucións e entidades dos dous países que traballan co obxectivo de identificar puntos clave na prevención e diminución dos efectos dos grandes lumes.
Trátase do proxecto Firepoctep+, que ten como obxectivo identificar zonas clave na prevención e diminución dos efectos dos grandes incendios nas zonas fronteirizas entre España e Portugal.
Coa participación de máis de 40 representantes dos diferentes socios, esta xuntanza tiña como obxectivo a posta en común das tarefas que está previsto levar a cabo nos diferentes paquetes de traballo dun proxecto financiado con 3,3 millóns de euros e que se estenderá ata 2026.
Cofinanciado pola Unión Europea, Firepoctep+ ten como investigador principal ao director en funcións da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, que este luns encargábase de presentar as liñas centrais do proxecto, xunto cos coordinadores das diferentes actividades.
Previamente, o encontro arrancou cunha benvida institucional na que participaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o deputado provincial Roberto Carrero e o xefe provincial do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta.
A continuación, a reunión abriuse cun relatorio sobre a problemática dos incendios en Galicia e no norte de Portugal, a cargo de José Antonio Vega, exdirector do Departamento de Incendios do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e exprofesor da EE Forestal.
Designado "proxecto de importancia estratéxica" polo comité de seguimento do programa Interreg España-Portugal, Firepoctep+ ten entre os seus eixes de actuación a identificación de zonas estratéxicas de xestión en diferentes áreas piloto ao longo da fronteira. Trátase de puntos que resultan clave no comportamento dos grandes incendios e nos que unha actuación preventiva permitiría reducir a súa intensidade. Nese senso, ademais de localizalos, o proxecto abrangue tamén definir que accións poden levarse a cabo nestes puntos coa implicación dos axentes locais.
"Sementar intelixencia preventiva"
A idea, explican os seus responsables, é que naqueles puntos estratéxicos nos que sexa necesario un cambio na vexetación, esta poida ligarse a actividades produtivas, como cultivos. De aí que un dos seus piares, como subliñou Picos, sexa o de "sementar intelixencia preventiva no territorio: saber dirixir as accións preventivas a aqueles lugares onde sexan máis eficaces" e conseguir implantar nestes "actividades produtivas que garantan o seu mantemento a longo prazo e reforcen o vínculo á poboación".
Outra das áreas de traballo é a formación dos operativos de extinción, tendo en conta o "cambio de estratexia" que suporía pór o foco nas zonas estratéxicas de xestión. "Non se necesitan heroes, necesítanse profesionais valorados, con coñecementos e medios adecuados, que poidan actuar con seguridade nun territorio preparado", engadiu Picos, que subliñou que facer fronte aos chamados "grandes incendios" require tanto de "formación específica" como de coordinación entre dispositivos de distintas rexións ou países. Nese senso, outro dos obxectivos do proxecto é definir propostas de mellora que permitan superar diferencias lexislativas e de xestión, xunto coa formación e sensibilización da poboación rural. "Paisaxe, paisanaxe e profesionais", concluíu o responsable deste proxecto, constitúen "as tres pancas contra os grandes incendios forestais".
"Non se necesitan heroes, necesítanse profesionais valorados"
Ademais do director da EE Forestal, nesta mesa interviron tamén Francisco Senra, da Agencia de Medio Ambiente y Agua de Andalucía, que debullou as accións orientadas á mellora da resiliencia da paisaxe ante os grandes incendios a partir de "actuacións participativas"; o investigador da Universidad de Extremadura Juan Carlos Giménez, que afondou nas tarefas centradas na mobilización de recursos endóxenos. Outro dos paquetes de traballo pon o foco na mellora da "interoperatibilidade" entre efectivos e ten como coordinador á Autoridade Nacional de Emerxencias e Protección Civil de Portugal, mentres que o orientado á "cocreación de solucións innovadoras" foi abordado neste encontro por José Manuel Requena, da Fundación Finnova.
A actividade continúa mañá martes cunha saída de campo á zona de Figueirido, Cotorredondo e lago Castiñeiras, dirixida a presentar os traballos que os investigadores da EE Forestal desenvolven na área piloto sur da provincia de Pontevedra.