17 estudantes presentarán as súas coleccións creativas na pasarela Debut 23

Pontevedra
15 de novembro 2023

A cita será o venres 24 no Recinto Feiral de Pontevedra e, nesta ocasión, para asistir será necesario adquirir entradas ao prezo de cinco euros, que xa están á venda a través da plataforma Woutick!a> Lola Dopico, coordinadora do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, destaca a implicación do sector industrial da moda en Galicia nesta edición coa incorporación de novas marcas de referencia

Presentación do desfile de Debut 23
Presentación do desfile de Debut 23 / Mónica Patxot

A pasarela de moda Debut, na que se ofrecen coleccións que constitúen o traballo fin de máster do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda do campus de Pontevedra, regresa o venres 24 de novembro, a partir das 20.00 horas, ao Recinto Feiral cun desfile no que se presentarán 17 coleccións doutros tantos estudantes, que finalizan este ano a súa formación.

Lola Dopico, coordinadora do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, acompañada por Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo; e Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura de Pontevedra, explicaba as novidades desta edición durante este mércores na Casa das Campás. 

Debut 23 será de pago e aquelas persoas que queiran asistir deberán adquirir a entrada a un prezo de cinco euros na plataforma Woutick! O número de asistentes estará limitado a mil persoas.

Dopico destacou que Debut está a crecer e logrando novas conexións, novos socios e "afianzando a confianza" no proxecto de formación que se desenvolve no campus de Pontevedra nun ano no que comezou a súa andaina a Facultade do Grao de Deseño "acrecentando o posicionamento do mestrado e do campus", explicou a docente engadindo que este fito supón un "punto de inflexión importante" de cara ao futuro.

A impulsora de Debut mostrábase satisfeita porque "por primeira vez contamos cunha máis implicada resposta do sector Industria-Moda de Galicia" coa incorporación do Premio a Deseño e Innovación dunha firma recoñecida como Bimba e Lola, que tamén cederá materiais para un dos talleres formativos. Lola Dopico explica que agora haberá máis oportunidades para o alumnado e iso supón un "cambio fundamental" despois de anos de "picar pedra" no campus para alcanzar un novo contexto dentro do ámbito da moda.

Nesta edición ofreceranse dous workshops de máis de 20 horas cada un. Nun dos casos vai centrarse no traballo con coiro e outro será sobre texturas téxtiles en cerámica.

O día 24 durante a mañá, as diferentes firmas de moda colaboradoras, como Adolfo Domínguez, Inditex ou Purificación García, entre outras, manterán reunións cos estudantes, Parfois, empresa portuguesa de referencia, tamén participará na procura de talentos do campus pontevedrés. 

O prezo das entradas é de cinco euros e xa están á venda na plataforma Woutick!

Lola Dopico apuntaba tamén o crecemento do número de estudantes que participan este ano. "Un día imos morrer de éxito", recoñeceu, ao indicar que numerosos estudantes non finalizan os seus estudos ao ser contratados xa no seu período de prácticas en distintas empresas, moitas delas vencelladas ao grupo Inditex.

O desfile iniciarase cos proxectos fin de máster, que concluíron os seus estudos neste mes de novembro, e, a continuación, ofreceranse as coleccións de estudantes de primeiro curso mentres delibera o xurado, que xa durante a tarde observará as coleccións, revisará os materiais e manterá conversacións co alumnado.

Ao redor de corenta estudantes de primeiro de máster e do grao participarán como vestidores. Neste sentido, Dopico insistiu en que todo o traballo de cásting dos setenta modelos que participan, deseño de programas ou comunicación do desfile é obra dos estudantes con axuda do profesorado. "Participar nalgo así axuda a formar tamén", explicou.

O Máster pontevedrés, segundo a súa coordinadora, está a ofrecer ao redor dun 70% do persoal a numerosas empresas do sector en Galicia. Moitos destes estudantes, tras as súas primeiras experiencias laborais, continúan as súas carreiras profesionais en países como Estados Unidos, Gran Bretaña ou Italia.

Explica que en Pontevedra se forman perfís creativos, distintos aos tradicionais do sector da moda, con gran demanda dentro da liña de dirección de arte, ecommerce ou persoas procedentes do ámbito comercial que se forman para encargarse da compra de tecidos para empresas de moda con coñecementos de xestión e de deseño.