156 novos contaxios de covid, 1.797 casos activos e 16 hospitalizados na área sanitaria

Pontevedra
18 de xullo 2021

A explosión de novos casos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés empeza a atenuarse aínda que os positivos seguen sendo elevados, segundo reflicte a actualización de datos sobre a pandemia realizada este domingo 18 de xullo polo Servizo Galego de Saúde

Urxencias do Hospital Montecelo
Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A explosión de novos casos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés empeza a atenuarse aínda que os positivos seguen sendo elevados, segundo reflicte a actualización de datos sobre a pandemia realizada este domingo 18 de xullo polo Servizo Galego de Saúde.

Este balance sinala que nas últimas 24 horas sumáronse 156 novos positivos na área pontevedresa (polos 221 do sábado e os 304 do venres), o que fai que os casos activos suban ata os 1.797, é dicir, 88 máis ao darse 68 altas epidemiolóxicas a pacientes afectados polo virus.

Ademais o número de hospitalizados incrementouse en tres persoas para un total de 16. Esa subida céntrase nos pacientes que evolucionan en planta, con 11 repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (9), o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (1) e o Hospital do Salnés (1), mentres que a Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo conta con 5 pacientes covid, mesma cifra que o sábado.

Desde o inicio da pandemia superaron a infección 14.642 persoas na área sanitaria, rexistrándose 181 falecementos de pacientes con positivo activo.

En canto á realización de probas de detección, o Sergas informa que se fixeron 950 PCR nas últimas 24 horas.