15 escolares de Ponte Sampaio xa presumen de ser ciberexpert@s para moverse con seguridade nas redes

Pontevedra
19 de febreiro 2019

Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra acompañada pola comisaria provincial Estíbaliz Palma e polos policías que impartiron as clases entregaba este martes 19 os carnés aos estudantes de sexto de primaria que adquiriron coñecementos para facer fronte aos perigos da internet

O alumnado do CEIP Ponte Sampaio recibe os carnets de ciberexpert@s
O alumnado do CEIP Ponte Sampaio recibe os carnets de ciberexpert@s / Victoria Regueira

En cada mesa da aula de sexto de primaria do CEIP Ponte Sampaio atópase un pequeno ordenador. Unha ferramenta que se converteu en imprescindible para ofrecer acceso inmediato ao coñecemento que se difunde por internet pero, ao mesmo, unha fiestra aberta aos perigos que se moven pola rede a través da ciberdelincuencia.

E como todo vilán precisa dun heroe, a Comisaría Provincial da Policía Nacional desenvolve unha campaña de formación en diferentes centros educativos coa intención de formar ciberexpert@s, escolares que adquiren coñecementos esenciais para se mover con seguridade polas redes sociais e evitar tanto ser vítimas de delitos como converterse en autores.

15 estudantes do CEIP Ponte Sampaio recibían este martes os seus carnés de ciberexpert@s tras ter superado 10 módulos e un exame final relacionado coa seguridade en internet e os consellos tanto da subdelegada do Goberno, Maica Larriba como da comisaria provincial Estíbaliza Palma para evitar situacións de perigo.

Durante dez sesións ao longo deste curso tratáronse unha decena de temáticas que recolle o proxecto: ciberacoso, grooming, sexting, suplantación de identidade, comunidades perigosas, acceso a contido inapropiado, xestión da privacidade e identidade dixital, etiqueta e mediación parental. Unha formación, impartida polos delegados de Participación Cidadá da Policía Nacional.

Desta forma, o alumnado realizou preguntas sobre os perigos de, por exemplo, levar un dispositivo móbil á ducha e amosou o seu coñecemento sobre como impedir riscos ante a presenza de "pervertidos" e "pederastas" que se aproveitan da tecnoloxía. Os escolares tamén preguntaron sobre o uso de redes sociais e a subdelegada lembroulles a precaución que deben ter para evitar o ciberacoso, a suplantación de personalidades ou os danos para as súas familias. "Hai que advertilos dos enormes riscos que entraña o mal uso da tecnoloxía. Debemos previr educando para que a rendabilidade no uso das redes sexa o mellor posible", afirmaba Maica Larriba ao remate do acto.

Pola súa parte, Estíbaliz Palma indicou que esta actividade se encadra dentro dunha campaña nos centros educativos para dar información sobre ciberdelitos, prevención de condutas de odio e de violencia de xénero, puntos en que se detectan vulnerabilidades. Deste xeito, incidiu na importancia da formación: "A través das redes sociais, eles poden ser autores de delitos, porque unha ameaza de whatsapp pode ser un delito", lembrou.

Os pequenos quedaron con ganas de máis colaboracións cos axentes da Policía Nacional: "Vades volver?", preguntaron e recibiron, a cambio, unha invitación para facer unha visita á Comisaría Provincial, unha visita que farán co seu carné de ciberexpert@s ben á vista.