Máis de 15.000 persoas asinaron nun mes a petición realizada por 'Salvemos a Fracha' a través da plataforma Change.org para pedir o Ministerio de Fomento que free a construción da autovía A-57 en Pontevedra, un novo despilfarro sen sentido.
'Salvemos a Fracha' pide sinaturas a través de Internet para "parar a construción deste capricho político, pois non se pode permitir que se malgaste o diñeiro público deste xeito mentres se recorta en Educación e Sanidade".
Acompañan a petición dunha carta dirixida á ministra de Fomento, Ana Pastor, pedíndolle que paralice este proxecto e destine os fondos previstos para este "á liberalización da autoestrada AP-9".
O colectivo formula que a ministra, veciña de Pontevedra, quere "agasallar" á súa provincia unha autovía de 64 quilómetros que custarán máis de 1.000 millóns de euros, A-57, que "se vende como a alternativa gratuíta á AP-9, pero o que non di o Ministerio é o seu custo social e ambiental".
Dende 'Salvemos a Fracha' afirman que a nova infraestrutura dividirá en dous pobos como o de Pintos, en Marcón, onde os veciños se encontrarán con noiros de ata 60 metros -o equivalente a un edificio de 17 pisos- "que lle impedirán comunicarse coa casa situada xusto en fronte". Engaden que coas obras destruiranse decenas de traídas de auga e acuíferos usados polos cidadáns tanto para consumo domésticos como para as súas hortas e labores agrícolas.
Finalmente, sosteñen que esta nova obra provocará ademais un grave impacto ambiental e paisaxístico na Serra da Fracha, con especies protexidas como a píntega rabilarga (Chioglossa lusitánica), o anfibio ibérico máis ameazado, e a Succisa pinnafitida, planta incluída no catálogo de especies en perigo de extinción a nivel peninsular.