15.000 euros para desenvolver unha análise da realidade socioeconómica de Pontevedra

Pontevedra
01 de marzo 2016

Esta ferramenta elaborada desde a Universidade ofrecerá unha análise da realidade socioeconómica da cidade e da contorna. Recompliará e avaliará datos económicos, empresariais, demográficos e de cohesión social. Nos seus estudos previos amosa que Pontevedra é a cidade galega que máis medrou en poboación durante o último lustro

Presentación do Observatorio Urbano
Presentación do Observatorio Urbano / PontevedraViva

O Observatorio Urbano de Pontevedra ponse en marcha a través dun convenio entre o Concello e a Universidade de Vigo. Este martes 1 de marzo presentouse esta ferramenta que pretende ofrecer información obxectiva para que se adopten decisións que melloren o desenvolvemento local, unha proposta que solicitaba o Consello Económico e Social (CES).

Trátase do primeiro produto de investigación e transferencia que sae do campus Crea, segundo sinalou a concelleira de Promoción, Anabel Gulías que presentaba esta proposta co vicerreitor do campus, Xoán Manuel Corbacho.

O profesor Pedro Figueroa, director do grupo de investigación G4 plus da Universidade de Vigo, encargado do traballo con máis de trinta docentes e unha persoa contratada a media xornada a través do convenio. Analizaranse os datos en relación coas sete principais cidades galegas. 

No avance do informe socioeconómico de 2015 que xa elaboraron ofrécense datos interesantes sobre Pontevedra como que é a cidade galega que máis creceu en poboación durante o último lustro e conta coa poboación coa idade media máis baixa dassete principais cidades de Galicia con 42,5 anos. Con todo durante o último ano, pasouse de 82.946 habitantes a 82.539. 

O Concello sitúase, segundo este estudo, nunha posición intermedia en canto a ingresos mensuais medios dos fogares no ano 2014 con 2.050 euros. O mesmo informe recolle que desde 2010 rexístrase unha evolución positiva no número de altas de empresas cun crecemento do 21,32%, o máis elevado das cidades galegas.