Poucas incidencias rexistráronse durante os últimos días de 2020 e neste inicio de 2021 no municipio de Pontevedra en relación co cumprimento das normas sanitarias, segundo expoñía este luns a portavoz do goberno municipal Anabel Gulías.
Entre o 30 de decembro e o 3 de xaneiro formalizáronse 14 denuncias. Sete destas intervencións por parte dos axentes da Policía Local de Pontevedra realizábanse a paseantes que non portaban a máscara obrigatoria. A estas hai que sumar outras tres que se producían entre a noite do sábado ao domingo a persoas que se saltaban o toque de queda e outras tres foron presentadas a persoas que faltaron ao respecto aos axentes policiais. Segundo explicaba a concelleira, este último tipo de denuncias adoitan vir aparelladas a outras e prodúcense cando o infractor discute co axente e enfróntase alegando a falta de conveniencia das normas sanitarias.
A última das denuncias establecíase a unha persoa que incumpría o cruzamento de perímetro. Esta persoa procedía de fóra de Galicia e, #ante a petición dos axentes, non ofreceu causa xustificada para atoparse en Pontevedra nin aparecía no rexistro establecido pola Xunta de Galicia para persoas non residentes na comunidade autónoma que se achegasen durante estas festas.
Anabel Gulías destacou a falta de incidencias de gravidade durante estes días e sinalaba que só se produciron tres chamadas veciñais por queixas de ruídos en domicilios. Segundo explicaba, trátase dunha cifra similar á que se cuantifica durante todas as fins de semana.
Os controis que se realizaron durante estas xornadas, explicou a portavoz municipal, foron realizados en colaboración coa Policía Nacional en lugares de lecer, no mercado, establecementos de alimentación e similares, sen que se producisen incidencias destacables.