14.168 persoas utilizaron as novas liñas de autobús de Sanxenxo

Sanxenxo
03 de agosto 2024

Tanto os buses circulares como a lanzadeira triplicaron o número de usuarios desde a primeira ata a quinta semana, pasando no primeiro caso de 956 viaxeiros a 3.052, e no segundo, de 88 a 261

Bus circular en Sanxenxo
Bus circular en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo sitúa en 14.168 as persoas que utilizaron as dúas novas liñas de buses circulares e a lanzadeira postas en marcha a finais de xuño.

Segundo os datos facilitados pola empresa xestora do transporte, 13.047 viaxeiros subíronse aos dous autobuses que percorren a costa cada hora, mentres que 1.121 usuarios empregaron o bus lanzadeira que conecta o parque empresarial de Nantes con Sanxenxo e Portonovo.

O servizo, que se estenderá ata o próximo 8 de setembro, preséntase como unha alternativa de mobilidade sostible, facilitando os desprazamentos polo municipio durante a tempada estival, cando a poboación chega a multiplicarse por cinco.

O alcalde, Telmo Martín, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, realizaron esta mañá un balance destas primeiras cinco semanas. "A falta dos datos do mes de agosto, o que queda claro é que Sanxenxo precisa dun servizo de transporte público no verán e que este servizo veu para quedarse", asegurou Martín.

Outro dato que reflicte o crecente interese polo servizo é que tanto os buses circulares como a lanzadeira triplicaron o número de usuarios desde a primeira ata a quinta semana, pasando no primeiro caso de 956 viaxeiros a 3.052, e no segundo, de 88 a 261.

Reguera destacou que este servizo está enmarcado dentro do convenio co plan de transporte público de Galicia, "polo que as persoas usuarias das novas liñas municipais de autobús poderán beneficiarse dos descontos e vantaxes da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), con bonificacións que na actualidade chegan ao 50%".

O delegado territorial da Xunta recordou que os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova e todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG viaxan gratis.