Os sindicatos CIG e UGT anunciaron a convocatoria de dous días de folga no sector de limpeza de edificios da provincia de Pontevedra. O paro está programado para o luns 11 e o martes 12 de novembro.
Esta mobilización afectará a aproximadamente 13.000 traballadores na provincia, arredor de 3.000 na comarca de Pontevedra e mil pertencentes ao Salnés.
A folga céntrase na demanda dun convenio colectivo digno e máis xusto.
O personal, principalmente mulleres, esixen unha redución da xornada laboral de 38,5 a 37,5 horas semanais e un incremento salarial progresivo: un 3,5% en relación a 2023, un 4% para 2024 e outro 4% para 2025.
Ademais, demandan unha cláusula de revisión salarial anual conforme ao IPC.
Diana Rodríguez, da CIG, recoñecía que as negociacións coas asociacións empresariais non deron froitos, malia varias xuntanzas e mediacións.
A folga afectará a múltiples entidades de xestión pública, incluíndo centros de saúde, xulgados, campus universitarios, edificios da Deputación, da Xunta e do Concello como pavillóns ou as instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe.
Pero ademais agardan que teñan unha notable repercusión en empresas de limpeza de entidades privadas que tamén están reguladas por este convenio como Ence, Trèves, Cabomar e numerosas empresas portuarias.
A maioría do persoal afectado correspóndese con mulleres con contratos por horas, que, segundo os sindicatos convocantes, precisan mellores condicións laborais.
As xornadas de folga incluirán piquetes e mobilizacións, cunha marcha que partirá en Pontevedra da Praza da Peregrina ás 19:00 horas os dous días.
No Salnés, o luns 11, entre as 11:00 e as 11:30 horas, o persoal concentrarase diante do Hospital do Salnés, e de 12:00 a 12:30 horas diante do Concello de Vilagarcía para realizar unha manifestación ata o Auditorio municipal.
Os sindicatos convocates tamén teñen intención de impugnar os servizos mínimos establecidos pola Xunta de Galicia, que consideran excesivos.
Esta é a segunda convocatoria realizada polas forzas sindicais neste sector durante este 2024 ante a falta de acordos coa patronal.