O profesor e historiador Xosé Fortes Bouzán será recoñecido como fillo predilecto do concello de Cerdedo-Cotobade.
Será nunha sesión extraordinaria do pleno municipal que terá lugar o xoves 13 de febreiro, ás 19:30 horas, no Centro Cultural Antonio Fraguas, en Carballedo.
"Queremos que sexa unha homenaxe do seu pobo natal a un dos seus máximos activos, que tanto fixo pola nosa cultura, educacion, historia e pola consecución da liberdade en defensa dos valores democráticos", destacou o alcalde, Jorge Cubela.
Así, este acto estará aberto á participación veciñal.
Na persoa de Xosé Fortes, segundo Cubela, "conflúen o seu amor por esta terra e o seu compromiso activo coa liberdade e a democracia".
O rexedor subliñou ademais a súa faceta como historiador, por ser unha persoa "comprometida co seu tempo" e coas novas xeracións a través da súa carreira como docente ou por ter unha "implicación irrenunciable co futuro da nosa terra e a nosa historia e o benestar das súas xentes".
Na súa longa traxectoria, Fortes atesoura innumerables publicacións e artigos divulgativos que teñen como nexo de unión a súa relación con Caroi "que plasmou en traballos de tanto prestixio como Caroianos, Terras de Cotobade ou Cotobade unha terra rural", recordou Jorge Cubela.
Xosé Fortes Bouzán naceu en Caroi en 1934. É un militar e historiador español. Foi fundador da Unión Militar Democrática (UMD) e foi encarcerado e expulsado do Exército. En 1987 reingresou coa gradación de coronel. É pai da escritora Susana Fortes e do xornalista Xabier Fortes.
En 1975, sendo capitán de infantería, foi detido e procesado por pertencer á UMD, organización clandestina fundada un ano antes co obxectivo de democratizar as forzas armadas e derrocar a ditadura. Acusado de "conspiración para a rebelión", foi condenado a catro anos de prisión.
Como capitán do exército español foi un dos contactos en España cos capitáns de abril portugueses que participaron na Revolución dos Caraveis.
Licenciado en Filosofía e Letras, tras ser expulsado do Exército, exerceu a docencia en Pontevedra, impartindo clases de historia. Foi ademais director da primeira revista infantil e xuvenil en galego: Vagalume (1976).
Colaborador habitual na prensa galega, nos anos oitenta dirixiu o programa de radio "Historia Viva". Posteriormente, participou na serie de televisión Os viaxeiros da luz (1991). Entre 1998 e 2005 foi coordinador en Pontevedra dos cursos de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo.
Ademais, en 1979 presentouse aos comicios como independente, dentro da lista de Unidade Galega pola que resultou elixido concelleiro do Concello de Pontevedra e asumiu o cargo de tenente de alcalde de Urbanismo na primeira corporación democrática.
Posteriormente fundaría o partido Irmandade Galega, co que concorrería ás urnas.