A Deputación de Pontevedra aprobará o vindeiro venres 6 de abril un novo plan para fomentar a mellora da mobilidade, accesibilidade e seguridade viaria en concellos de menos de 50.000 habitantes. O goberno de Carmela Silva destinará este ano 7 millóns de euros e 4 millóns máis en 2019, que estarán dispoñibles para a renovación das vías públicas dos concellos que opten a esta axuda económica.
A adxudicación de subvencións estará suxeita a correspondencia competitiva, dando prioridade aos concellos con máis habitantes e densidade de poboación, os que teñan maior extensión viaria e atendendo á calidade e madurez do proxecto. O orzamento para as remodelacións deberá ser dun mínimo de 50.000 e un máximo de 500.000 euros.
Os proxectos deberán ser aprobados polo órgano competente do concello e tratarse de obras completas, ademais deberán estar completados a día 30 de xuño de 2020. DepoRemse súmase á lista de plans levados a cabo pola Deputación de Pontevedra para apoiar aos concellos da provincia, entre os que tamén se atopan o Plan Concellos 2018, o Plan Revitaliza ou Préstamos sen Xuros.