Para este Entroido o Concello de Marín tomou a decisión de incrementar os premios dos desfiles, co obxectivo de seguir apostando por un Entroido cheo de cor, no que os grupos e as comparsas deixen ver todo o seu potencial.
Así, no caso do desfile de adultos, engadiuse un premio de 900 euros e incrementáronse o resto en 1.500 euros. No que respecta ao infantil, incrementouse a contía total en 450 euros e tamén foi subida a aportación que se lle dá á Asociación Amigos dos Rapaces, encargada da organización da Festa do Merengue na Lameiriña.
Por outra banda, o Concello tamén incrementou as axudas que se lle dán ás dúas comparsas de Marín pola súa participación durante o propio desfile, e os desfiles de San Xulián e do enterro da Sardiña, alcanzando os 2.000 euros.
Desde o Concello lembran que a inscrición para participar en ambos desfiles abre o día un e ata o 8 de febreiro e poderá realizarse ou físicamente no Museo Municipal Manuel Torres ou enviando un mail a museo.torres@concellodemarin.es. Todas as bases, así como a programación, poden consultarse no seguinte link: www.concellodemarin.es/entroido-2024
PARTICIPACIÓN NA COMITIVA DO ENTERRO DA SARDIÑA
Por outra banda, desde o Ateneo Santa Cecilia avisan a asociacións e veciñanza en xeral que para participar na comitiva do Enterro da Sardiña é preciso anotarse na sede do Ateneo, na Rúa do Forno, 42, antes do 31 de xaneiro, co obxectivo de poder organizar os postos e roles na procesión.