103 anos coidando a horta e lendo o xornal

Pontevedra
18 de maio 2013

A centenaria do Marco Carmen Estonllo celebrou este sábado o seu aniversario "muy bien" de saúde e cunha rutina diaria moi marcada. Le a prensa, ve a televisión, sabe moito de política e dedícase a coidar as plantas da súa horta. O segredo para pasar de centenaria? Sempre llelo di aos seus dous fillos: "vida sana y trabajar mucho"

1910 viu nacer a Carmen Estonllo Fontán. Dende entón pasaron 103 anos e os seus dous fillos, dous netos e tres bisnetos teñen a fortuna de empaparse a diario da sabedoría que lle deu ter pasado polos acontecementos máis importantes do último século. Tamén de aprender as súas leccións de vida.

"Dice que su secreto para llegar a los 100 es la vida sana y que trabaja mucho", explica un dos seus fillos, Jesús García Estonllo. E cumpre rigorosamente os seus consellos. "No fuma y toma siempre su caldito de vegetales, aunque come de todo". Iso si, en algo non cede, "como siempre a la una y media".

Durante toda a súa vida adulta foi ama de casa e ten cultivando algunha que outro terreo, sempre para consumo propio, pero nos últimos anos deixou a súa faceta laboral e se dedica de cheo aos seus hobbies. Son moitos, pero, sobre todo, as plantas. Ten a súa propia horta e afánase en coidala.

A pesar da súa idade, está "activa siempre". Dende que chegou ao centenario necesita a axuda dun bastón para apoiarse en desprazamentos un pouco longos e perdeu un pouco de oído, pero o balance que fai o seu fillo Jesús da súa saúde é que "está muy bien. Tengo más achaques yo con casi 80 que ella".

Vive co seu outro fillo e a súa familia no Marco e aínda que intentan que leve unha vida pausada aínda hai días en que quere facer a comida e preparar a súa cama. "Dirige a toda la familia", din os seus. E está moi ao tanto da actualidade, "lee la prensa, ve la televisión y sabe mucho de política, está al tanto de todo".

Carmen Estonllo celebrou este sábado o seu 103 aniversario e, por cuarto ano consecutivo, recibiu a visita do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Chegou cun ramo de flores na man e soprou con ela as velas da súa torta. Ela, "encantada", explica o seu fillo Xesús. "Cada año, cuando se va el alcalde dice que no quiere que vuelva, pero luego ya le está esperando, le hace gracia que venga", indica.