Un centenar de ciclistas participaron este domingo na primeira Pedalada do Concello de Poio, unha proba solidaria que tamén permitiu recoller 100 quilos de alimentos que serán entregados aos servizos sociais municipais para a súa repartición entre persoas en situación de emerxencia social.
Os participantes nesta proba solidaria, convocada con motivo das Festas de San Xoán de Poio, tiñan que achegar un alimento non perecedoiro e o chamamento resultou todo un éxito, segundo os datos facilitados pola Policía Local de Poio.
A proba combinou ambiente festivo e solidario con amor ás dúas rodas nunha ruta de 10 quilómetros que partiu da praza do Mosteiro de Poio e percorreu parte do municipio, desde Campelo a Lourido, A Seca e A Reigoa, para rematar no complexo deportivo Miguel Anxo Pazos.
Fontes da Policía Local indicaron que colaboraron na pedalada o Bike Club, o Club Tríatlon de Poio, Protección Civil de Poio e a Cruz Vermella cunha ambulancia, dous técnicos e un médico. Protección Civil recolleu os alimentos e as concellerías de Deportes e Festas e a Policía Local agradeceron a súa colaboración a todos os participantes.