10.000 persoas visitarán durante tres días as propostas formativas de Edugal no Recinto Feiral

Pontevedra
03 de outubro 2023

AEMPE presentaba este martes 3 no Concello de Pontevedra a duodécima edición do Salón de Educación e Formación de Galicia, que se vai desenvolver do 4 ao 6 de outubro no Recinto Feiral de Pontevedra

Conchi Pereiro e Anabel Gulías presenta a 12ª edición de Edugal
Conchi Pereiro e Anabel Gulías presenta a 12ª edición de Edugal

Conchi Pereiro, integrante do Consello Asesor de AEMPE, presentaba este martes coa concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, a duodécima edición de Edugal, o Salón de Educación e Formación de Galicia, que se desenvolverá entre o 4 e o 6 de outubro.

Desde a Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa sinalan que se espera a presenza, do mesmo xeito que na edición anterior, de ao redor de 10.000 persoas que visitarán as 62 casetas presentes no Recinto Feiral do Pazo de Cultura de Pontevedra.

Ao longo dos tres días do evento ofrecerase unha ampla programación con actividades como conferencias, mesas redondas, charlas de orientación que, nesta ocasión, van desenvolverse dentro dos postos de cada centro formativo e talleres co obxectivo de que os estudantes coñezan as diferentes opcións ás que poden optar unha vez que queiran enfocar a súa carreira profesional.

Edugal tamén está enfocado, segundo explicaba Conchi Pereiro, a aquelas persoas que queiran "seguir formándose" para ser máis "competitivas" ou buscar saídas profesionais fóra de Galicia. Nas casetas estarán presentes diferentes centros de estudo, Universidades tanto de Galicia como do resto do Estado entre as que se atopan a de Navarra e Nebrija. As Forzas Armadas e a Policía Nacional tamén ofrecerán as súas opcións laborais ás persoas interesadas.

A concelleira Anabel Gulías lembraba que as persoas que asistan terán a oportunidade, seguindo o lema deste ano, de "encontrar tantas posibilidades como imaxinen. Iso é o importante: abrir novos nichos de mercado, estar ao tanto das novas tendencias e ter un lugar físico onde poder buscar e recibir información". 

Novas tecnoloxías, intelixencia artificial, instalación electrónica ou programación serán algunhas das cuestións que se abordarán nos talleres formativos. Ademais, haberá postos de centros de ensino de idiomas ou de posibilidades de residencias onde permanecer mentres desenvolven a súa formación.

"Cambian moitísimo os ciclos formativos, de maneira vertixinosa. Houbo uns anos onde todo parecía que ía máis ralentizado. Agora, cada momento hai unha novidade", explicou Conchi Pereiro convidando a que toda a cidadanía visite o Recinto Feiral para coñecer as diferentes opcións formativas e laborais que xorden.

Os centros de estudo que queiran organizar visitas co seu alumnado a este evento deberán solicitalo a través de AEMPE.