O CEIP San Martiño de Salcedo recibía este xoves ao xurado que realiza a avaliación dos proxectos presentados á edición de 2021 de Pontenciencia, na que diferentes centros presentan traballos de investigación.
O concelleiro de Educación Tino Fernández asistía tamén á exposición realizada polo alumnado deste centro sobre un tema de actualidade con motivo da pandemia "Ese gran descoñecido: o aire". Precisamente, o tenente de alcalde estudou na súa infancia neste centro escolar.
Fernández aproveitaba tamén a ocasión para repartir entre os participantes unha remesa das mil mochilas e cincocentas bolsas de tea deseñadas polo colectivo Polo Correo do Vento, ademais de 200 libros coa biografía de Ricardo Carvalho Calero e da colección Mulleres Galegas, que irán destinadas ás bibliotecas dos centros.
O representante municipal destacou o alto nivel da presentación científica e doutras investigacións expostas durante estas xornadas polos estudantes que participan no proxecto e felicitou ao alumnado polo esforzo realizado.
Este ano case 700 estudantes de Primaria e Secundaria de centros públicos e concertados de Pontevedra participan no certame, ademais de oito familias. En total, presentáronse 47 propostas científicas aos Premios de Investigación Homenaxe á Muller Investigadora.