Continúa o incremento de casos activos e de persoas hospitalizadas na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés nestas datas previas ao Nadal.
Segundo os datos facilitados pola consellería de Sanidade este venres 10 hai 1.465 casos activos na área, 71 casos máis que o xoves. Desta cifra, 38 pacientes atópase ingresados en planta de hospitalización, os mesmos que o xoves. 34 están no Hospital Montecelo, dous no Hospital do Salnés e outros dous no Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez. A esta cifra, hai que sumar a presenza de cinco pacientes, dous máis que o xoves, na unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Realizáronse 1.026 probas PCR nas últimas 24 horas na área sanitaria, rexistrándose 121 novos positivos. No municipio de Pontevedra, a cifra de casos activos ascende a 502, 38 positivos máis que na xornada do xoves.
Nas últimas horas non se rexistraron novos falecementos na área e o número de decesos é de 211 pacientes desde o inicio do plan de continxencia. Curáronse 48 persoas nas últimas 24 horas, elevando da cifra de persoas curadas desde que comezou a pandemia a 21.661 pacientes.
DATOS EN GALICIA
Galicia rexistrou 988 novos positivos nas últimas 24 horas, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade. Trátase de 46 contaxios diarios menos respecto a os rexistrados o xoves pero 168 casos máis que os detectados hai unha semana.
Nas últimas horas sumáronse tres novos falecementos, tres mulleres, dúas delas, de 72 e 82 anos, falecidas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A cifra total de falecementos en Galicia sitúase en 2.693 mortes desde que se notifican as mortes con covid-19.
Este venres, o número de casos activos na comunidade ascende a 10.677 pacientes, 473 máis que na xornada do xoves. Por áreas sanitarias, a situación é a seguinte: Vigo: 3.352 (+217); Ourense: 2.550 (+52); A Coruña-Cee: 1.472 (+105); Pontevedra-O Salnés: 1.465 (+71); Lugo: 704 (+8); Santiago-O Barbanza: 704 (+22); e Ferrol: 430 (-2).
O número de persoas hospitalizadas tamén sobe. Nesta xornada contabilízanse 260 persoas en planta, catro máis que o xoves. Nas unidades de Coidados Críticos hai 42 pacientes, cinco máis que o día 9.
Curáronse 512 persoas nas últimas horas. Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 184.859 persoas en Galicia.