Avanzan as obras de abastecemento e saneamento en Vilalonga e Adina

22 de novembro 2024

O investimento total sitúase en 432.700 euros e actualmente desenvólvense en Rial (Adina) e na zona de Igrexario-A Lomba coa instalación dunha nova rede de saneamento

Obras de saneamento en Vilalonga
Obras de saneamento en Vilalonga / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo está a levar a cabo novas obras de mellora na rede de abastecemento e saneamento nas zonas de Vilalonga e Adina, cun investimento total de 432.700 euros.

Estas actuacións están a ser executadas pola concesionaria Espina y Delfín, como parte dun contrato do ciclo da auga valorado en 12 millóns de euros.

As obras permitiron estender estes servizos a máis de 200 familias, das 726 identificadas con carencias no concurso do ciclo da auga de 2023.

Actualmente, os traballos concéntranse en Igrexario-A Lomba, onde se está instalando unha nova rede de saneamento e abastecemento cun custo de 388.867 euros, e en Rial (Adina), cunha nova tubaxe de saneamento valorada en 43.833 euros.

O concelleiro de Mantemento e Servizos, Yago Torres, supervisou as obras, que avanzan a bo ritmo.

Obras de instalación dunha tubaxe en Adina
Obras de instalación dunha tubaxe en AdinaConcello de Sanxenxo

Nos próximos días, realizaranse as pavimentaciones definitivas en áreas como Barreiro (Dorrón), Outeiro (Adina) e Soutullo (Noalla).

Ademais, o Concello de Sanxenxo indica que continuarán as obras proximamente en Xuncablanca (43.132 euros), coa substitución da rede de auga potable en Carlos Casas (5.172 euros), co colector de saneamento en Anevados (22.931 euros) e a renovación do colector en Rúa Areal, Avenida Areal e Espiñeiro (41.321 euros).

Estas obras compleméntanse co conveni asinado entre Sanxenxo, Poio e Acuaes, cifrado en 24 millóns de euros, que busca mellorar a calidade das augas da Ría de Pontevedra.

Este acordo inclúe a ampliación da depuradora de Paxariñas, a construción de novos colectores e estacións de bombeo, e o emisario submarino de Montalvo.

Actualmente, os operarios tamén traballan na conexión en terra dunha nova tubaxe de 1.300 metros de lonxitude, parte deste proxecto de mellora da ría, declarado de interese xeral do Estado.