Doce novelas acumula Reyes Calderón. A máis recente 'Los crímenes del caviar', a oitava entrega da serie que ten como protagonistas á xuíz Lola MacHor e ao comandante Iturri.
Esta vez, ao policía da Interpol tocaralle investigar en Sotogrande a morte de seis persoas riquísimas e poderosas, o mesmo día e do mesmo xeito. Un empresario farmaceútico e a súa muller, un príncipe árabe, un cardeal candidato a Papa, un coñecido empresario e un médico que resulta ser o marido da muller da que segue namorado, a xuíz MacHor.
Durante a charla que temos coa autora afirma que o proceso de construción desta novela supuxo para ela unha etapa de "catro anos apaixonantes, aprendín moitísimo e coñecín un mundo complexo como o do poder e as elites".
Xunto a eses perfís reais cos que crea os seus personaxes tamén hai conspiracións entre a curia romana, tráfico de haxix na costa gaditana, as orixes de Sotogrande, investigación científica e mesmo un home e unha muller cuxa identidade non se desvela, ou si...
Descóbrenos ademais que é profunda coñecedora das Rías Baixas e que é ese o motivo polo que "en todas as miñas novelas hai un lugar de Galicia".
Reyes Calderón é Doutora en Economía e Filosofía. Compaxina a docencia universitaria, coa faceta de tertuliana radiofónica e a de escritora. Conta cun Premio Avogados de Novela e un Premio Azorín.
