María Antonia Quesada é xornalista e escritora. Madrileña, vencellada por familia paterna a Pontevedra, acaba de presentar nesta cidade a súa última novela, 'Tres citas en Davos'. Un thriller financeiro ambientado e auspiciado pola crise económica de 2008 e quen a protagonizaron.
É unha ficción pero é real como a vida mesma, explícanos a autora, "o libro non está baseado nunha historia real, pero ten de moitas historias reais e isto deumo a profesión xornalística" engade.
E é que aínda que xa non exerce o xornalismo, a súa experiencia profesional especializada no ámbito económico, proporcionoulle os coñecementos e vimbias para escribir esta historia. Traballou para as principais cabeceiras da prensa salmón e é a primeira xornalista española que recibiu o City Group Award como recoñecemento a unha traxectoria.
Este é o seu cuarto título para o público adulto. Precédenlle 'Inventario de otoño', 'El poder de tu nombre' e 'El ingenio de los mediocres'.
Ten publicados igualmente outros tres títulos dirixidos ao público infantil,'El tesoro de las mariposas', 'El pescador de globos' e o máis recente escrito en galego, 'O segredo de Caaveiro' que o próximo ano terá a súa versión editada en castelán.