Xustiza tamén para vós?

16 de marzo 2024
Actualizado: 18 de xuño

Esta mesma semana, un grupo de veciños de Verducido acudiu a concentrarse diante da Audiencia Provincial de Pontevedra co fin de esixir xustiza para Jéssica Méndez, asasinada, presuntamente, polo seu veciño, José Erín, que a acosou durante anos, para, finalmente, rematar asasinándoa encaixándose co seu coche contra o da rapaza en Barrospandejavu>

Esta mesma semana, un grupo de veciños de Verducido acudiu a concentrarse diante da Audiencia Provincial de Pontevedra co fin de esixir xustiza para Jéssica Méndez, asasinada, presuntamente, polo seu veciño, José Erín, que a acosou durante anos, para, finalmente, rematar asasinándoa encaixándose co seu coche contra o da rapaza en Barro.

 

Berraron pedindo xustiza, pero tamén aproveitaron para cuestionar o sistema xudicial, porque, dicía unha das veciñas, "a xustiza xa sabemos como está".

 

Pois si, xa sabemos como está a xustiza, pero, os que traballamos con vítimas de violencia de xénero, tamén sabemos que si a xustiza, moitas veces, non adopta medidas máis severas cos feminicidas é, precisamente, por actitudes coma a desta señora, que fala moito agora, pero que, como toda a contorna de Jéssica, sabendo perfectamente o que estaba a suceder, calaron a boquiña durante os anos de acoso aos que este individuo someteu á rapaza, o que fai que non existan denuncias nin probas, polo cal, como sucede en tantos e tantos casos, raramente o agresor é condenado á pena que realmente merecería.

E isto sucede, sinxelamente, porque non hai probas, e, sen probas, non pode haber condena, ou ser, alomenos, todo o rigorosa que debería ser ante o delito cometido, e iso, con sorte, se é posible demostrar que tal delito existiu.

 

No caso de Jéssica, o calvario que lle tocou sufrir era un segredo a voces.

 

Ela mesma manifestou o seu medo en reiteradas ocasións, e toda a súa contorna era coñecedora do seu pesadelo.

Coñecedora, e, en moitas ocasións, testemuñas de accións que, de ter sido denunciadas no seu momento, tal vez hoxe Jéssica seguiría viva.

 

O calvario de Jéssica non foi curto, nin moito menos,

Viña sucedendo desde había case unha década. Pais, irmáns, familiares, veciños, e mesmo a súa parella sabían o que estaba pasando.

E non soamente polo temor que ela manifestou en reiteradas ocasións, senón porque moitos deles foron testemuñas oculares de episodios que deixaban en evidencia a obsesión deste individuo pola rapaza, pero todos calaron.

 

Éra preferible poñer a vida de Jéssica en risco antes que "dar que falar", porque , ao fin e ao cabo, eran veciños e, xa se sabe, os convencionalismos mandan, e hai que levarse ben, tan ben que, malia o grave da situación, non dubidaron en compartir mesa e mantel co acosador e presunto asasino en varias ocasións, con motivo das xuntanzas para xantar das dúas familias, nalgunha das cales el non dubidaba en tentar collerlle a man ou tocarlle, á vista de todos eles,

 

"Se non es para min, non es para ninguén", declarou o noivo de Jéssica, quen tamén optou por calar no seu momento, que lle dixera, pero o silencio seguiu impoñéndose... e así durante, din, 8 ou 9 anos, nos que todo o mundo sabía, todo o mundo falaba polo baixo, e todo o mundo contribuiu a tapar, co seu silencio cómplice, ao acosador e presunto asasino.

 

Dito doutro xeito, por se alguén aínda non o entendeu, este malnacido enfróntase a un xuízo cun historial impoluto, o cal vai a influír e xogar ao seu favor, loxicamente, no que atinxe a súa condena, por moito que a súa culpabilidade sexa obvia,

 

Sexa cal sexa a condena que se lle impoña, vai ser cuestionada por curta e por non ser todo o dura que debera, pero a ninguén se lle vai a pasar pola cabeza cuestionar a súa propia responsabilidade de que isto sexa así, de que se tivesen denunciado no seu momento, a condena sería moito máis rigorosa, ou, posiblemente, Jéssica seguiría viva.

 

Agora todos son choros e lamentos. Agora esíxese xustiza, e se lle critica, porque, polo visto, todo o mundo descoñece, ou se lle esquece, que a xustizasoamente pode basearse en feitos probados, e non en comentarios ou contos que, por moita verdade que agochen, non son tanxibles, e non deixan de ser, sinxelamente, iso, contos.

 

É moi difícil entender como toda unha familia, todo un pobo, unha parella, amigos, veciños, sabendo o calvario que Jéssica estaba a vivir, optaron polo silencio.

 

É posible que ninguén, dispoñendo da información da que dispoñemos hoxe en día, non fose consciente do grave risco que a rapaza estaba a correr?

Ou, o que é peor, como se pode dixerir que unha familia antepoña evitar poñerse a mal cuns veciños antes que mirar pola seguridade desa filla, desa irmá?

 

Como se pode entender que o noivo da rapaza tolerara sen facer nada unha situación de tal calibre? Chorar agora, laiarse e reivindicar non lle vai devolver a vida a Jéssica.

Ter actuado antes, como procedía, talvez si.

 

O máis doado agora, e o máis hipócrita tamén, e, sexa cal sexa a condena, culpar a xustiza.

 

Queredes xustiza?

Pois si realmente se puidese facer xustiza como correspondería, sabedes o que habería que facer? Condenarvos a vós tamén, que, vos guste ou non admitilo, sodes tan culpables como o executor material do crime que acabou coa vida de Jéssica.

 

Dade grazas a quen creades, se é que credes en algo ou en alguén, de que, ás veces, sexa menos xusta do que correspondería, porque, de non ser así, vós tamén deberiades pagar polo que fixestes, ou, mellor dito, non fixestes, e ser condenados.

 

Nunca escoitasteis falar do delito de omisión de socorro? Ningún de vós sabe o que é?

 

Pedir xustiza para José Erín, e para os que, coma el, matan ou maltratan, está moi ben, pero de nada vai servir mentres condutas coma as vosas queden impunes.

 

Somos moitos os que pedimos que se faga xustiza, certo... tamén con todos vós,

 

Asociación Si, hai saída