A xente non sabe levar paraugas

28 de outubro 2024

Have you ever seen the rain? (Creedence Clearwater Revival)

Chove, moito. Levamos unhas semanas que parece que non vai parar. Cando aparece un día algo bo pouco dura. Non sabes que roupa poñer, mais sabes que debes saír con paraugas.

Como habitante deste país vinme sempre rodeado de paraugas. Cando de pequeno íamos a Santiago, ao pasar a ponte da Rocha, antes de chegar á Choupana, alí estaba á esquerda: "Paraguas Caravel". No edificio, aínda novo, traballaba moita xente, sobre todo mulleres. Era un símbolo do país. "Santiago, donde la lluvia es arte" dicían uns calcantes que se pegaban no cristal traseiro dos coches. Os "Paraguas Caravel" trouxeron cor e deseño a un tempo onde os paraugas era monocromos, nomeadamente negros. As cores dos paraugas eran síntomas dos tempos escuros do franquismo. Tiñan mango de madeira e vara e variñas de ferro. Pesaban, e moito. Meu avó tiña un de "sete parroquias", con mango de cana, "cana india" — dicía el. Fun estudar a Lugo, vivía na Rúa San Roque e, alí estaba a "Paragüería Lucense" (aínda segue, agora na Rúa Progreso). Vou vivir á Coruña e alí está, e sigue en activo "Paraguas Carballo", tiña a fábrica na Rúa da Torre e a tenda na Rúa Panaderas. E, que lles vou a dicir aos pontevedreses, cando vin a vivir a Pontevedra fai moitos anos, atópome con "La Casa de los Paraguas". A tenda da familia , que agora dirixía, o amigo, Ernesto Filgueira, infelizmente pechou, ao igual que pasou con "Paraguas Caravel". As tendencias globais de comercio de determinados artigos fan que haxa produtos a menor prezo, aínda que sexa de moita menor calidade. No dos paraugas impera o de usar e tirar. Vino este ano en Cartaxena a finais de setembro. Ía paseando pola Calle Mayor, a rúa comercial, e de repente comezou a chover, ao principio pouco, logo as gotas xa eran máis grandes. Agochados debaixo dunha repisa, ao noso carón, escoitamos falar a unha persoas cun claro acento asturiano dicir afirmando: "aquí non hai ningún negro vendiendo paraguas". Non, alí os inmigrantes subsaharianos traballan (ou búscanse a vida) noutras cousas, o clima non favorece a venda dos paraugas. Antes o paraugas arranxábanse. De cando en vez ouvíase o chifre dos paraugueiros ourensás, que tamén arranxaban os buratos da potas e afiaban coitelos e navallas. Soaba o chifre e dicían: "afilador y paragüero". O chifre tiña o mesmo son que o dos capadores. Distiguíanse porque os capadores andaban polo abrente, os paraugueiros andaban polo día. Os paraugas duraban anos, senón toda a vida. Eran caros e protexíanse contra o seu roubo. Había homes que o levaban por detrás colgado na chaqueta polo pescozo ou cachazo. Cando rompía un paraugas os nenos corríamos a polas variña para facer arcos e frechas e poder "cazar" sollas no río. Agora os paraugas rotos aparecen nas papeleiras.

Na miña vida de paraugas tamén influíu o cine. Cando era adolescente había unha soa cadea de televisión, logo veu outra. Víamos, e vivíamos, en branco e negro. As películas da televisión repetíanse. Vin moitas veces "Singin in the Rain" (Cantando baixo a choiva. 1.952). Todo o mundo, daquela época, se lembra cando Gene Kelly vai cantando, chovendo, e xogando co paraugas, moi contento, polo bico que lle deu a súa moza (Debbie Reynols). Outra lembranza dos paraugas na nenez foi "Mary Poppins" (1.964) cando vai voando co paraugas aberto e os nenos, entre pasmados e aparvados, miran para ela. A serie "Los Vengadores"(The Avengers) con John Steed (interpretado por Patrick Macnee), un gentleman inglés que levaba sombreiro bombín, traxe Saville Road e paraugas pechado, sempre acompañado por unha moza atractiva e vestida á última moda. Houbo outras con cor, lémbrome de dúas. A primeira é "Batman Returns" (Volve Batman. 1.992), versión de Tim Burton, na que o "malote" Pingüín, interpretado xenialmente por Dany De Vito, ten a súa gorida decorada cunha sinistra colección de paraugas, dos que algún son armas. A outra é "Todo sobre mi madre" (1.999), para min a mellor película de Pedro Almodóvar, o fotograma dun plano xeral na que se ve a Manuela (Cecilia Roth), de pe, diante dun cartel da obra de teatro "Un tranvía chamado deseo" de Tennesse Willians que ocupa todo o cadro na que aparece unha fotografía, en primeiro plano de Blanche Dubois (Marisa Paredes). Domina a cor vermella no fotograma, o fondo vermello, a gabardina de Manuela vermello, os beizos de Marisa Paredes vermellos, ata vermello o "graffiti" ao lado da saída de emerxencia, e o paraugas de varias cores saturadas. Unha clase de cine, Almodóvar puro.

Volvo a onde empecei. Mentres escribo este artigo miro pola fiestra, chove. Teño que saír a rúa, asústame pensar que me vou cruzar con xente con paraugas e que non sabe usalo. No que vai de mes metéronme unha variña nunha orella, molláronme o lombo e tiven varios choques de paraugas nos cruzamentos con outra xente. Hai unhas normas elementais para levar paraugas.

Cando te cruzas con outra persoa, que tamén leva paraugas, e a beirarrúa o permite e que a persoa máis alta suba un pouco o brazo e eleve o seu paraugas, cando ao mesmo tempo, a persoa máis pequena baixao un pouquiño. Nesta situación foi onde me meteron a variña na orella. Eu era o máis alto, a outra persoa máis baixa, subín o paraugas, a outra persoa tamén subiu, marchou andando mirando para o outro lado e meteume a variña na orella, seguiu como si non pasara nada.

No cruzamento nunha beirarrúa estreita o normal é que ámbalas dúas persoas fagan un xiro de pulso e inclinen, cara o seu ombreiro dereito o paraugas, ata poñelo en diagonal respecto da vertical, así pasarán as dúas persoas sen problema. Este parece ser un labor imposible, case ninguén o inclina, todos van ao choque.

O máis arrepiante é que de mollarte sexa por culpa doutra persoa, si por riba che entra a auga polo cachazo, é dicir pola parte de atrás de pescozo, si te baixa fría pola columna peor. Estaba no semáforo da glorieta na confluencia de Loureiro Crespo con 12 de novembro. É unha zona moi concorrida. Sempre hai moita xente agardando que se poida pasar. Estábamos unhas vinte persoas amoreadas alí agardando o cambio de cor da luz. Chovía forte. Hai xente que non sabe que si o paraugas está vertical a auga vai ir baixando polos costelas que forman as variñas, polo que sempre se debe levar un pouco inclinado para atrás, así non mollamos á persoa que está diante. Pasoume o contrario, un paspán que viña mirando para o teléfono (non entendo esa maldita manía de ir mirando o telefono e andar a un tempo), en vez de inclinar o paraugas cara atrás como é normal, por mor do teléfono levábao inclinado cara diante, ao chover moito caeume toda a choiva a min, no lombo e pescozo. Protestei, todo o que dixo foi: "Ah!". Nin pediu escusas, nin dixo son un parvo que anda lendo o teléfono e non sabe levar un paraugas.

Si tedes que saír e chove coidado coas persoas que non saben levar un paraugas, pode ser un exercicio de alto risco. Mellor que non chova, e se chove que sexa pola noite, hai menos andantes.