E por duas razóns.
A primeira, que, despois da profusión de minutos de silencio e manifestacións de repulsa, moitos maltratadores e potenciais asasinos machistas están tan afectados e tan avergonzados, que non o van a facer máis.
A segunda, que, cando xa estamos en plena operación saída da Semana Santa, e que, porén, unha vez máis, as UFAM (Unidade de Familia e Axuda a Muller) das comisarías queden practicamente baleiras, cando non baleiras de todo, durante os días festivos, eso no mellor dos casos, xa que son moitos os axentes que xa disfrutarán de vacacións durante toda a semana, os que non sentiron esa vergoña da que falaba antes, tamén decidiron deixar de maltratar e, por suposto, de matar, ata o vindeiro Martes, 2 de Abril, xa que o Luns, día 1 aínda é festivo nalgunhas comunidades.
Naturalmente, digo isto coa ironía en modo "ON" e prego que me desculpedes este humor negro e macabro, pero é que isto xa é o colmo da desvergoña, da falta de escrúpulos, e da gran, inmensa mentira, que é esa loita contra a violencia machista que nos están a vender.
Como dicía unhas liñas máis atrás, nestes últimos días abondaron as manifestacións de repulsa, os minutos de silencio..., o que vé
Por contextualizar un pouco máis, pero non porque ningún caso sexa menos importante que os outros, vou a referirme a nosa comunidade, Galicia
Con motivo do xuízo polo asasinato de Jéssica Méndez cuxo vehículo foi atravesado polo do seu asasino cando ela ía ao volante, sucedéronse as manifestacións, as homenaxes, e, faltaría máis, os berros diante do Xulgado clamando xustiza, mentres as testemuñas manifestaban no interior canto sabían, que era moito, e que calaron celosamente durante case unha década, co tráxico desenlace que coñecemos.
Case ao mesmo tempo, en Ribeira, era asasinada pola súa ex parella Andrea, unha muller de tan so 25 anos, a que acoitelou con toda a crueldade.
No primeiro dos casos, non había denuncias, porque, xa se sabe, hai que levarse ben cos veciños, e, ademais, non se pode dar que falar.
Os trapos sucios hai que lavalos na casa, ou, alomenos, as agochadas, e, ademais, que lle ía facer?... Malo será!
No segundo, o de Jéssica, o seu asasino tiña antecedentes por violencia machista, xa que no ano 2019 fora denunciado por unha parella anterior, polo que constaba no rexistro do sistema VioGén, pero, un bo día, por mor dunha mente brillante, supoñemos, a alerta foi desactivada, e dicimos "supoñemos" porque, por máis que preguntamos, ninguén nos responde a nosa pregunta de quen, e en base a qué, se decide desactivar unha alerta destas características, e o momento no que hai que facelo.
É que a maldade dos maltratadores tamén se desactiva pasado un certo período de tempo?
Depende isto do axente que revise os casos e decida de motu propio, que xa non existe risco para a vítima, que o seu agresor xa está rehabilitado?
Curioso, cando sabemos que un maltratador nunca vai deixar de selo, e que, máis tarde ou máis cedo, vai reincidir, como xa está máis que demostrado... traxicamente demostrado, porque moitas das vítimas mortais da violencia machista foron asasinadas, precisamente, nalgunha destas "recaídas".
Sexa como sexa, a alerta foi desactivada, dando por feito que o agora asasino de Andrea non ía volver delinquir... Malo será!
En ambos casos, os representantes institucionais se sumaron as manifestacións de repulsa, a foto de rigor e aos minutos de silencio, soltando, por suposto, as súas peroratas baleiras diante dos micrófonos e das cámaras, contándonos o moi implicados que están na loita contra a violencia de xénero, pedindo concienciación, e, como non, recursos.
E precisamente a todos eles, representantes de institucións, cargos políticos, lles facemos unha pregunta moi directa:
Algún de Vds. tomou a molestia ou lle preocupou saber que ía pasar nas UFAM nestes días festivos, se, por fin, visto o panorama dantesco que estamos a vivir, se corrixiu a falta de persoal que sempre existe nestas datas tentando previr, dentro do posible, máis desgrazas, ou, pola contra, a tónica é a de sempre, desprotección case total para as vítimas, para os seus fillos?
Son conscientes de que non contarán, practicamente, con ningún axente especialista en violencia de xénero durante 4 días e que xa nos tres precedentes, os efectivos estarán considerablemente minguados o que se prolongará ao longo de toda a semana?
Naturalmente, esta é unha pregunta retórica, xa que, lamentablemente coñecemos a resposta de sobra.
Nada mudou, todo vai seguir igual, e, eles mesmos, agás os que, por protocolo, teñen que asistir as procesións e demais actos propios destas datas, desaparecerán do mapa ata comezos de Abril.
Agás,claro está, que se produza algún novo feminicidio, en cuxo caso interromperan as súas vacacións para sacar a foto no minuto de silencio e contarnos o consternados que están, pero, en calquera caso... malo será!
Obviamente, ningún deles é quen de poñerse na pel das vítimas, das mulleres que están a vivir, moitas delas con fillos, o inferno da violencia machista, e que agardan estes días con auténtica angustia ou mesmo terror, porque saben que, nestas datas, por múltiples factores, desde o aumento das horas de convivencia ata o intercambio dos menores, por citar tan só dous exemplos, a agresividade dos seus maltratadores é unha auténtica bomba de reloxería que, en calque ra momento estalar?
Pero, tanto ten. Os que teñen potestade neste grave eido, estiveron, ata onte mesmo, máis pendentes de saír correndo dos seus confortables despachos cara aos seus destinos vacacionais que, por suposto, do que lles poida suceder a elas.
Ademais, o mesmo hai sorte e non pasa nada... Malo será!
Asociación Si, hai saída