O convulso escenario da actualidade vese conmocionado por unha interminable sucesión de titulares que reflicten o terrorífico dominio da violencia en múltiples formas e dimensións. Tiroteos masivos en Estados Unidos, crimes de guerra en Gaza, secuestros de nenas e nenos nos kibutzs, feminicidios bárbaros, o informe do defensor do pobo que estima en 440.000 as vítimas da pederastia na Igrexa española,... Cada día, as noticias inúndannos de historias semellantes onde a violencia é a protagonista indiscutible e mergúllanos nunha fonda e insoportable tristeza.
Teño unha sólida opinión sobre moitos destes acontecementos, pero neste momento prefiro non expoñela aquí. Para abordar cada caso e presentar as miñas conclusións, necesitaría elaborar unha detallada folla de Excel moral, desglosando en profundidade os elementos que conforman estes sucesos. Por iso, optarei por alonxarme deles e efectuar unha análise máis filosófica do verdadeiro protagonista destes conflitos "a violencia", esa forza que emana dos individuos e que somete e deforma sen tregua a alma humana.
Aínda que nos citados casos prevalece a violencia física e directa, na vida cotiá a violencia enmascárase de múltiples formas, pasando moitas veces desapercibida. Para decatarse da súa presencia debemos comprender que calquera acto que dificulte as nosas necesidades humanas básicas de supervivencia, benestar ou identidade, ten que ser considerado unha forma de violencia.
Por unha parte, temos os casos de "violencia física" extrema moi evidente nos casos anteriores e coa que coexistimos a miúdo. Así, os que vivimos certos tempos, aínda lembramos o uso do castigo físico como ferramenta pedagóxica. Pese a que uns o ven como un vestixio do pasado, outros, cunha percepción máis aguda, entenden que esa violencia aínda persiste, escondida, eso si, baixo un manto de aparente civismo. Aínda hoxe nos centros educativos seguen a producirse episodios de violencia directa, que se manifesta en agresións físicas ou verbais, acoso, humillacións, etc. Afortunadamente, en xeral, hai unha maior conciencia e preocupación por erradicala.
Nun plano máis amplo, advertimos como o imaxinario social afronta dificultades para recoñecer diversas formas de inxustiza social, que debemos considerar tamén violencia, "violencia sistémica", que ten relación coa existencia de estructuras sociais que son violentas en si mesmas. Esta maniféstase a diario no ámbito educativo, sanitario, social ou económico. Así, aquelas prácticas que deixan fóra a determinados colectivos do sistema educativo, a desigualdade na atención médica por factores socioeconómicos, a marxinación das persoas con discapacidade, a discriminación no emprego ou o trato inxusto a determinadas minorías étnicas, son exemplos palpables.
Por outra banda, xorde a "violencia cultural", que emana de aspectos arraigados en certas mentalidades e que terminan por xustificar o uso da violencia directa e estrutural. Actitudes e prexuízos como o racismo, o sexismo, o etnocentrismo, o nacionalismo ou o colonialismo perpetúan a crueldade, presentando como algo natural e lóxico, a difusión de estereotipos negativos sobre grupos raciais, de xénero ou étnicos; o que contribúe á perenne xerarquización das culturas.
A todo isto, hai que engadir unha nova forma de violencia, que o filósofo Chul Han catalogou como "violencia da transparencia", unha ameaza directa para o noso sistema psíquico-neuronal. Dacordo con Chul Han o exceso de consumo, a hipercomunicación e a hiperinformación xeran novas formas de violencia.
Por exemplo, a sobreabundancia de comunicación, alimentada polas novas tecnoloxías, lévanos a unha perda voluntaria da nosa privacidade e das nosas esferas máis íntimas. Hoxe, a accesibilidade aos datos que compartimos en liña convértenos en seres transparentes. Isto facilita moito o control total sobre nós mesmos, polo que a hipervisibilidade é violencia. Violencia que se manifesta patoloxicamente en forma de enfermidades psicolóxicas: medos, depresión, ansiedade, hiperactividade, estrés...
Desenmascarar todas estas formas de violencia, sexan culturais, estruturais ou da transparencia, é fundamental para combatelas. Debemos aprender a ver esas agresións invisibles, xa que aí está a raíz da crueldade, directa e física, que ameaza con asolagarnos e esmagarnos sen piedade.