Violencia de xénero e concienciación "cosmética", dúas lacras mortais que non deixan de medrar

22 de decembro 2024
Actualizado: 7:40

Fadoua, Estela, Mercedes, Andrea e Rejane. Cinco nomes de mulleres que a moi poucos lles dirán xa algo, agás a aqueles que as querían, que as seguen querendo, que as seguen chorando.

Son os nomes das 5 vítimas mortais que a violencia machista deixou, ata agora, en Galicia, a violencia machista, amén, por suposto, das asasinadas no resto de España, ata facer un total de 46, ás que hai que engadir 8 menores vítimas da violencia vicaria.

Para estas mulleres xa pasou o seu momento de tráxica "fama", porque neste país noso somos así: de memoria fráxil e rápida de baleirar para o que non interesa recordar.

No caso de Rejane, a muller asasinada en Covas (Viveiro), este esquecemento foi, xa non rápido, senón "exprés", porque ser asasinada nas vésperas do Nadal é todo un "marronazo" para os que se supón que deben ser un exemplo de concienciación e loita contra a violencia de xénero. E, claro, é, sobre todo para as mulleres, toda unha carreira contra o reloxo pousar con xesto convenientemente dorido e o "outfit" de loito oficial para o minuto de silencio e a conseguinte foto de rigor, e saír correndo para aparcar o abrigo negro e a bufanda ou o foulard lila (que, por certo, non sei no resto das cidades, pero na miña comezo a pensar que debe de haber algunha tenda que os teña de oferta ou algo así, a xulgar pola proliferación deles que, de súpeto, hai), e mudalos rapidamente pola indumentaria elegante, indicada para o evento que toque de seguido, co mellor dos sorrisos, por suposto, para, igual tan só unhas horas máis tarde, volver ao abrigo negro e á bufanda lila e acudir a outra desas concentracións, convocadas por certos colectivos, aos que critican ás costas, pero aos que non deixan de secundar, porque, xa se sabe, hai que, unha vez máis, saír na foto.

Dicía que isto é especialmente complicado para as mulleres polo que acabo de explicar, porque os homes o teñen máis doado, e non hai maior problema se levan a mesma indumentaria en todas esas circunstancias, sobre todo os que levan uniforme, agás, por suposto, e segundo teño entendido, que nalgún deses eventos posteriores aos minutos de silencio teñan que vestir o de gala, en cuxo caso, a súa carreira é case, case, equiparable á das mulleres.

Mentres, das vítimas, as tráxicas protagonistas, xa ninguén se lembra, se acaso para algún comentario deses de "benqueda" nos eventos posteriores, pero é improbable. Non combinan cos sorrisos pertinentes.

A isto se reduce a loita contra a violencia machista. Perdón, rectifico, hai dúas cousas máis que esquecía e que son de suma importancia: Por unha banda, as declaracións do representante institucional que corresponda, expresando a súa consternación e pedindo que aumenten os orzamentos; e pola outra, os berros que se escoitarán unhas horas máis tarde esixindo xustiza e arremetendo contra os xuíces, pero sen pronunciar nin unha soa palabra sobre o motivo que constitúe o 99,99% da orixe de tal masacre, que todos e todas sabemos de onde e de quen procede, pero da que ninguén fala.

As UFAM volveron quedar baleiras como cada Nadal, ou, polo menos, ninguén nos informou do contrario, e ninguén semella, por outra banda, saber ou lembrar que os xuíces non poden condenar a ninguén sen probas obxectivas, baseándose en presentimentos nin no seu sentir persoal, por máis que moitas veces lles doa, porque son persoas que tamén sofren, padecen e, como tales, empatizan coas vítimas, se non todos, si unha gran maioría, por moito que se pense o contrario. Pero cando unha valoración de risco non se fai correctamente e non reflicte o perigo real que corre a vítima, e de novo hai que aludir ao claramente ineficaz VioGén; cando un atestado policial recolle como unha simple discusión o que é unha clara agresión machista; cando minimiza un maltrato psicolóxico ou directamente o ignora; cando o policía encargado de recoller esa denuncia non é quen de afondar un pouco máis no relato que lle está a contar esa vítima, que posiblemente é o último e decisivo chanzo dun longo e doloroso proceso de sufrimento que a levou a tomar a difícil decisión de denunciar; cando a cuestiona ou directamente non a cre, e así llo traslada ao xuíz, este pouco ou nada pode facer por protexela, porque, sinxelamente, non ten nada no que basearse. Pero claro, isto é algo que se aprende vivindo a realidade da violencia de xénero facendo traballo de campo, da man das vítimas, non saíndo berrar á rúa ou pousando para a foto cando xa non hai remedio e unha vida máis foi truncada.

Esta mesma semana foi emitido na canle da TV estatal un coloquio sobre violencia de xénero que, francamente, foi dos poucos que me gustou de todos cantos levo visto, porque non recorreu en ningún momento ao sensacionalismo e tratou o tema co rigor e o respecto que merecen.

Dúas superviventes da violencia machista relataron as súas experiencias, a cada cal máis arrepiante, o mesmo que a testemuña dunha nai cuxa filla foi asasinada pola súa ex parella, malia ter denunciado, por non estar debidamente protexida. Participaba, así mesmo, unha xuíza, que relatou con toda claridade o que acabo de explicar unhas liñas máis arriba, pero, sorprendentemente, tan só unha das vítimas explicou como foi a súa experiencia cando acudiu a denunciar, e que amosa a realidade que tamén acabo de contar, algo que, para a miña sorpresa, a condutora do programa se apurou a xustificar alegando que, na actualidade, isto xa non sucede. Pois mire vostede, si que sucede, e con moita máis frecuencia da que se pode chegar a pensar, pero dos "innombrables" non se pode falar, por máis vidas que custe.

É algo totalmente incomprensible e inxustificable.

Así as cousas, é obvio que non podemos agardar milagres, nin que a violencia de xénero diminúa, porque a sensación de case total impunidade dos agresores, dos potenciais feminicidas, tamén vai, en consecuencia, medrando.

Esta é, guste ou non admitilo, a auténtica "concienciación" contra a violencia machista: pura cosmética. Pero que ninguén se preocupe porque, con tantos minutos de silencio e tantas concentracións de repulsa e condena, os agresores, recoñecidos ou potenciais, están tan avergonzados e tan atemorizados que non van delinquir máis, ou agardarán ata despois do Nadal, seguro!

 

Asociación Si, hai saída