O verdadeiro agasallo: o amor

24 de decembro 2024

O Nadal, tradicionalmente asociado á familia, á espiritualidade e á solidariedade, cambiou profundamente nas últimas décadas.

Hoxe, os agasallos, as luces e os adornos eclipsan estes valores e as relacións sociais, deixando que o espírito comercial domine a celebración, converténdoa nun motor de consumo masivo. Parece, por iso, moi necesario reflexionar sobre o modelo mercantilista asociado ao Nadal e considerar alternativas que permitan recuperar o sentido profundo desta celebración.

Albert Einstein, o xenio que cambio a nosa comprensión do universo, dedicou gran parte da súa vida á procura dunha teoría que puidese explicar unha conexión entre todas as forzas fundamentais do universo. Con este afán foi desentrañando os misterios da gravidade e a relatividade, por iso, neste contexto, a carta dirixida á súa filla Lieserl titulada "A forza universal é o amor", cobra especial relevancia neste contexto. Nela afirmaba que "o amor" era a forza máis grande do universo, capaz de unir todo o existente.

Aínda que esta idea carece de base científica, non deixa de ser profundamente inspiradora. O amor transcende as barreiras culturais, une xeracións e fortalece amizades. Ao longo da historia, foi o motor de movementos que transformaron sociedades: desde a loita polos dereitos civís ata campañas humanitarias e movementos pacifistas. En momentos de crises, como guerras ou desastres naturais, o amor maniféstase en xestos de solidariedade, compaixón e apoio mutuo, mostrando a súa capacidade para unir comunidades. En poucas palabras, a súa capacidade para unir e transformar é innegable.

O Nadal lémbranos a importancia deste amor unificador. Máis aló do intercambio de agasallos e a algarabía das celebracións, é un momento para reencontrarnos co esencial: as nosas relacións, a nosa comunidade e os nosos valores compartidos. É unha invitación a preguntarnos: estamos a cultivar o amor e a empatía nas nosas vidas?

Nun mundo cada vez máis individualista e repleto de conflitos de todo tipo, o Nadal ofrécenos a oportunidade de reconstruír os lazos que nos conectan. As crises sociais e políticas, pola súa banda, lémbrannos que a empatía é indispensable para construír un mundo máis xusto e equitativo. Pequenos xestos poden marcar a diferenza: un abrazo sincero, unha palabra de alento ou un acto de bondade desinteresada. Estes momentos de conexión axúdannos a redescubrir a esencia destas festas e a fortalecer as nosas relacións con quen nos rodean.

No entanto, o Nadal tamén pode ser unha época difícil. Moitas persoas enfrontan a soidade, o dó pola perda de seres queridos ou dificultades económicas que ensombrecen as celebracións. É precisamente nestes momentos cando o amor se volve máis necesario. A solidariedade, o apoio mutuo e a empatía son bálsamos que poden aliviar o sufrimento e devolver a esperanza.

Máis que unha celebración, o Nadal é unha oportunidade para renovar o noso compromiso cos demais. É un chamado a ser máis compasivos, a tender a man a quen o necesita e a construír comunidades máis solidarias e acolledoras. En última instancia, é unha invitación a reflexionar sobre como o amor, en todas as súas formas, pode transformar as nosas vidas e a nosa sociedade.

Oxalá aquí, os partidos políticos fosen capaces de acordar medidas que reflectisen o espírito do Nadal de amor e solidariedade: impulsando medidas que reduzan as desigualdades sociais e económicas, promovendo políticas de integración dos inmigrantes e de loita contra a xenofobia, adoptando medidas ambiciosas para protexer o medio ambiente, e buscando puntos en común para abordar os grandes desafíos que enfronta o país.

En palabras atribuídas a Einstein: "Quizais aínda non esteamos preparados para fabricar unha bomba de amor, un artefacto o bastante potente para destruír o odio, o egoísmo e a avaricia que arrasan o planeta. Con todo, cada individuo leva no seu interior un pequeno pero poderoso xerador de amor cuxa enerxía espera ser liberada".

Que este Nadal sexa o punto de partida para liberar ese xerador interno e converter o amor na forza que impulse as nosas accións cotiás. Máis aló das luces e os adornos, celebremos a solidariedade, a compaixón e a conexión humana como o verdadeiro espírito destas festas.