Vaite 2024. San Silvestres meigas fóra

30 de decembro 2024

"Primeiro viñeron polos socialistas, e gardei silencio porque non era socialista. Logo viñeron polos sindicalistas, e non falei porque non era sindicalista. Logo viñeron polos xudeus, e non dixen nada porque non era xudeu. Logo viñeron por min, e para entón xa non quedaba ninguén que falase no meu nome" (atribuido a Martin Niemöller ).

Foi este un ano raro, mesmo complexo, poderíamos consideralo normal con resaibo de amargura. Tal e como van as cousas parece que este ano abríronse as portas ao reino de Mordor (Terra negra) para comezar a reconquista da Terra Media (nós). J.R.R. Tolkien define moi ben a situación do que pasa na súa obra "The Lord of the Rings" ("O Señor dos Aneis"). Nos EEUU gañou o novo Sauron, Donald Trump. Empregou a mentira, a desinformación, as noticias falsas e, sobre todo, cartos, moitos cartos. Calquera cousa con tal de acadar o poder, mesmo autoamnistiarse (Feijóo disto non opina, non vaia ser). Trump ten ao seu arredor unha morea de millonarios que apoiaron a campaña. A fronte deles, e con mando en praza, Elon Musk, o novo Adar, o misterioso e sinistro xefe dos orcos. O reinado de Mordor vaise estendendo, ten orcos lugartenentes espallados polo planeta. Milei foi o primeiro en ir a Mar-a-Lago. A Abascal fanlle chispiñas os ollos, e así un tras outro do grupos de extrema dereita mundial. Elon Musk tamén se meteu, agora, nas elección que se van a celebrar en Alemaña, apoia publicamente á AfD, que é tan de dereita que Marine Le Pen, líder francesa da extrema dereita, rompeu relación con eles por ser "demasiado de extremistas". Os ricos, co apoio de Trump, xa non lle fan asco a gobernar. Antes interpuñan xente súa nos gobernos, agora non. Trump nomeou como ministros, para o seu futuro goberno, a milmillonarios e millonarios. Agora a facerse máis ricos, estes non fan nada sen cobrar.

O problema dos moi ricos é que queren ter máis cartos, sen importalle os estragos que van facendo polo camiño. Son negacionistas do cambio climático e están por eliminar as poucas medidas que hai. Non lles importa as consecuencias, en Europa, e particularmente en España notámolo este outono. O Danubio ou o Elba saíronse. Na República Checa, con máis de 200 ríos desbordados. A Baixa Austria en estado de emerxencia varios días. Cheas en Hungría, Alemaña, Polonia e Romanía. Emerxencias e mortos en Europa. A DINA (depresión illada en niveis altos) daquel fatídico día 29 de outubro que afectou a Andalucía, Castela-A Mancha e, sobre todo, a Comunidade Valenciana foi a mostra do inicio do que nos pode seguir pasando. Inundacións, danos, medos, dúbidas, soidades, rabia, sensación de abandono e mortes, 223 mortes e 3 desaparecidos. Demasiadas. Moitas, por non dicir todas, poderían evitarse si ao fronte desa CCAA houbese unha persoa competente e responsable. Non foi o caso. A Generalitat Valenciana ten ao seu fronte a un trol, gustaríalle ser orco, mais non dá para iso, pola súa incapacidade, incompetencia e irresponsabilidade. Alguén debería dicirlle que ningún presidente de Goberno, ou de CCAA o é a tempo parcial, non, sempre é con dedicación "plena". Si fora nun país europeo xa tería dimitido por dignidade (o que el non ten). Na España normal xa debería ter dimitido ou ser cesado polo seu partido. Claro que na España do PP, de Feijóo, o que se lle di é: "aguanta, se fuerte, ya le echaremos la culpa a Pedro Sánchez".

Os orcos millonarios buscan negocio debaixo das pedras. O deles non é a produción, o deles é a especulación. Este ano foi o que máis subiu a vivenda, tanto de propiedade como de aluguer. Os fondo voitre están ao axexo a ver que cacho poden pillar. Polo que se ve, moito. En España máis do 50% das vivendas son pagadas ao contado, poucas con hipoteca. Está claro quen fai a compra, os especuladores. Non paran, atacan todo o público que sexa negocio. Tamén puxeron máis mans noutro negocio no que xa estaban: a ensinanza universitaria. O apoio da gran orca madrileña, Isabel Díaz Ayuso, é incrible. Pouco a pouco vai privatizando a sanidade, destruíndo a pública. Non se corta negándolle axudas ás universidades públicas madrileñas.

Os orcos millonarios das transnacionais dedícanse a explotar o recursos naturais dos países pobres. Nada do gañado repercute neses países, no caso de que chegue algo sempre será a mans do que máis teñen. Aí comeza a desesperación da xente. O cambio climático tamén se mete por medio con grandes secas. Necesidade, fame e medo son as causas da inmigración. Os orcos millonarios e os trols non queren inmigrantes. Queren devolvelos ao seu país. Sauron xa dixo que os vai deportar, Mordor no quere xente miserable, non quere pobres. Este ano foi o que máis medrou o fluxo migratorio de África a Europa e tamén, deberíamos engadir, o ano de máis mortos no mar. A todos aqueles que renegan dos emigrantes deberían pensar o que lles pasa pola cabeza a todas estas persoas que se suben a un caiuco, métense mar adiante, sen saber si chegarán vivos ao seu destino. A resposta é fácil: buscan un futuro que non teñen.

Ano de guerras. Winston Churchill dicía "Rusia é unha incógnita, envolta nun misterio dentro dun enigma". Parece que así sigue sendo unha incógnita, ou un labirinto. Moitos intereses rodean o conflito. Anexións de territorio, bombas hiper-sónicas, drons, uso nuclear e a internacionalización do conflito con soldados norcoreanos son as armas de Putin contra a reclamación da Corte Penal Internacional. Os adversarios ucraínos teñen, cada vez máis, un exército esgotado, cun presidente tamén esgotado. Mais teñen unha vantaxe, contan cun bo equipo de espías en solo ruso. A xeopolítica é moi maldita e o que vale para frear a Rusia non vale para Israel. Hipocrisía política. A pregunta do millón é: "como un país de 10 millóns de habitantes (sobre 14 millóns de xudeus en todo o mundo) pode impoñerlle a súas normas a todo occidente". Son como os acosadores do recreo, hai que facer o que eles queiran. "Polbo animal de compañía". Agardamos polo que diga, e faga, Trump , mentres asasinan nenos.

E por que aquí que tal? Imos indo. Feijóo en Madrid cruzou moitas liñas vermellas. Non fai propostas, non sabemos que quere. Só sabemos que se enfada moito e que lle rifa ao presidente do goberno. Este ano aos xuíces déselles por meterse en política e sabe que iso o favorece (https://www.infolibre.es/politica/2024-ano-jueces-entraron-lleno-batalla-politica_1_1918194.html ). Non chega a orco, nin a trol. Compórtase como Gollun, sempre buscando o "meu tesouro". Quere ser presidente do Goberno deslexitimando a quen tivo máis apoios. Non é presidente do Goberno porque "non quixo" (foi cando perdeu o tesouro)

No noso Impaís, que diríaXabier Alcalá, as cousas non foron mellor. O noso troliño tamén quería ser orco pero non dá. Que lle imos facer. Segue coa herdanza que lle deixou Feijóo Gollun, cousa que quere mellorar empeora. Neste 2024, estivo máis en Madrid arranxando os problemas do PP que gobernando o noso país. Empeñase en meter empresas extractivas e/ou contaminantes en vez de buscar grandes inversións. Claro que aRueda a palabra grande quédalle grande. En vez de estar coméndolle a cabeza a Maersk para que poña a planta de hidróxeno no porto exterior da Coruña, ou para conseguir unha planta de microchips, dos que Europa anda dependendo de Taiwan ou Corea do Sur. O noso troliño anda facendo favores de miñoca defendendo a capa e espada a instalación de Altri en Palas de Rei, ou modificando a lexislación para legalizar parques eólicos que a incumpren. Sabíamos que se manifestou con Galicia Bilingüe contra o idioma galego. Sabe que o galego perde falantes cada día que pasa. Que fai? Nada. Si non fora covarde diría a verdade: que desapareza o galego. Senón é así, non entendo nada diso de darse un prazo dun ano para tomar medidas mentres se abre expediente a unha profesora por dar matemáticas en galego. Fomos nación, pasamos a comunidade autónoma, logo con Feijóo pasamos a ser unha xestoría, agora case que non acadamos o papel de corresponsalía de xestoría.

Imos a menos. Os demócratas daTerra Media temos que dar respostas. O 2024 pasou, ven un 2025 que pode deparar moitas sorpresas. Que teñan un feliz ano.