Unha sociedade ruidosa e garrula

05 de novembro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Hai unhas semanas, os historiadores tivemos un interesante congreso en Compostela. Unha vez máis os meus colegas sinalaban que as nosas categorías eran dispares cas dos nosos antergos. A nos faríasenos moi duro retroceder no tempo e vivir entre eles, e a eles, lles sería insoportable vivir entre nós

Hai unhas semanas, os historiadores tivemos un interesante congreso en Compostela. Unha vez máis os meus colegas sinalaban que as nosas categorías eran dispares cas dos nosos antergos. A nos faríasenos moi duro retroceder no tempo e vivir entre eles, e a eles, lles sería insoportable vivir entre nós. Nos non aguantaríamos os seus olores, unha sociedade cuns niveis de hixiene inferiores e que semellaban que tiñan o sentido olfativo atrofiado, só así comprenderíamos que compartiran espazo co gando nas súas casas, que viviran nunhas cidades tan sucias e que tiveran tan deficiente xestión de residuos. Entón foi cando un dos presentes dixo: pois eles crerían que temos o sentido auditivo atrofiado, e non entenderían que sexamos capaces de vivir nunha sociedade tan ruidosa, e estaba no certo. Xa noutra ocasión escribira no presente medio sobre as molestias do "escape libre" nas motos e motocicletas e o balbordo que provocan.

Certamente vivimos nunha sociedade que semella telo sentido auditivo atrofiado, os ruidos campan dun xeito que sería insoportable a unha persoa que vivira hai un século. Curiosamente moitos destes ruidos proceden dos servizos do propio Concello. Non se pode facer máis ruido que o que fan os camións de recollida de lixo de madrugada, ademais de pasar unhas vinte veces cada noite, nen con dobre fiestra un pode abstraerse deste ruido: os contedores agarrados e volteados, a maquinaria plena de chirridos, que ben lles faría falla un pouco de lubricante, e os golpes que sinalan que o contedor acaba de ser depositado outra vez no seu sitio. Sen dúbida hai unha mellor xestión de residuos e hixiene que fai anos, pero todos votamos en falla aquelas noites, nas cales o camión de lixo pasaba unha soa vez, cara as dez e media da noite, non de madrugada, e as bolsas de lixo, que se depositaban ás beiras dos portais (noxento!), eran introducidas a man no camión por uns operarios que ían amarrados no camión, baixaban para colle-las bolsas do lixo e liscaban sen volver a aparecen en 24 horas. Nen pasaba o camión cada vinte minutos, nen había os golpes e chirridos que hoxe temos. Polas mañás, pasa un vehículo do máis estraño que incorpora un aspirador, eu son da opinión que monta máis balbordo do que limpa, xa que visiblemente cas súas escobillas só cambia de lugar á porquería. Con todo este ruido, un habitante do século XVIII ou do XIX xa se tería intentado suicidar en varias ocasións.

Xa que, a verdadera vítima dun "piso-patera", son os veciños do piso inferior. Aquela xente, que afortunadamente liscaron pola miña presión e constantes protestas, eran unha tribu liderada por un soldado profesional que alugara a vivenda e que montara unha pensión ilegal sub-alugando ás habitacións. Montaban festas a diario, correndo polo pasillo, dando gritos, alaridos, as veces teñen sido as cinco e media da noite e aínda continuaba a parranda. Ademais estaban dende as cinco e vinte da mañá dando golpes, movendo mobles e golpeando as paredes. Finalmente, cando se foron, descubrimos o motivo de todo aquel ruido: montaran un torno de cerámica na casa e traballaban nel nos tempos de lecer. Aquilo provocaba todo tipo de golpes e chirridos nunha actividade que tan sequera por lei está permitida nun baixo comercial, imaxínense nun terceiro piso cun individuo (eu) vivindo no segundo. Ademais adoitaban programa-las lavadoras para as dúas da madrugada, e semellaba que había un reactor no patio de luces, a onde da a miña habitación, e todo para que aquela xente aforrara un par de euros, seica a pensión ilegal non lles daba suficientes beneficios.

Non só temos unha sociedade máis ruidosa que fai vinte ou trinta anos, senón unha sociedade máis garrula e inculta, unha sociedade á cal non lle pasan polas súas mientes que igual está molestando ó veciño o usar tacóns: os clock, clock, clock, constantes son moi, pero que moi molestos. E iso é o que me toca: foise o garrulo da pensión ilegal e o torno de cerámica, pero veu unha veciña que chega as cinco e media da noite e da un portazo para logo dar longos paseos pola casa cos tacóns e montando unha sintonía de taconeos que nen un elefante adulto bailando claqué. Os niveis de incivismo e de falta de empatía polo veciño están en alza. Eu téñoo claro, de poder elixir o meu veciño elixiríame a min mesmo: usando zapatillas para non molestar, escoitando música (e boa música) en ton baixo, sen mover mobles tódolo día, sen dar berridos, provocar chirridos, etc. Pero nun mundo incivilizado coma o que me toca vivir iso é moito pedir. Tan sequera na Biblioteca Pública atopo o silencio, xa que o aire acondicionado mete un tremendo barullo insoportable (pero é que ninguén dase de conta?!) e a xente fala, da golpes nas mesas cos bolígrafos e provocan toda serie de chasquidos. Fai trinta ou corenta anos iso era impensable, non se respeta nen ó santuario dunha biblioteca.

Fais uns trinta anos era impensable que un neno se puxera a andar en patinete pola casa de madrugada, tan sequera de día, pero a día de hoxe, un sanedrín de psicopedagogos decretou que non se pode reñir ós nenos, xa que os traumatizas, e ademais de xerar todo unha serie de trastornos de conducta deron en parir unha sociedade de maleducados de pel moi fina. O gran Clint Easwood, ten unha frase: "todos falan de que hai que deixar un mellor planeta para os nosos fillos, pero ningún di que haxa que deixar uns mellores fillos para o noso planeta". Xa sei que citar a Clint Easwood non aporta tanto prestixio coma citar a Goethe, a Schopenhauer ou a Nietzsche como fago noutras ocasións neste medio, pero esta frase debería ser inscrita na testa de todos eses psicopedagogos que dictaron ós educadores cómo tiñan que educar, sacándolles autoridade e xerando toda unha serie de patoloxías sociais que dará moito traballo subsanar no caso de haber intención de subsanar, que non a hai.

O converter a nosa sociedade nunha sociedade máis ruidosa, garrula e con falta de empatía cara o veciño, sinceiramente, creo que é propio dunha involución social, involución que ven sinalada por moitos outros factores que deixan ás claras que hai que facer algo para recuperar un mundo máis educado e silencioso. Eduquemos no silencio e no respeto mutuo. Nalgún momento ós educadores lle quitaron a prerrogativa de educar por toda unha serie de diagnosticadores de patoloxías que en realidade provocaron eles mesmos, pídolles a eses educadores que recuperen esa prerrogativa, polo ben de todos. Xa sei que son un dinosaurio, igual do mesmo xeito que un individuo do século XIX non soportaría vivir hoxe, tampouco o soporto eu.