Unha policía para Galicia

31 de xaneiro 2019
Actualizado: 18 de xuño 2024

Durante esta semana, estívose a falar nos medios de comunicación do acordo unánime do Parlamento de Galicia para reclamar o mesmo nivel competencial que Cataluña e Euskadi. Entre esas novas competencias falábase de tráfico e dun corpo de policía propio

Durante esta semana, estívose a falar nos medios de comunicación do acordo unánime do Parlamento de Galicia para reclamar o mesmo nivel competencial que Cataluña e Euskadi. Entre esas novas competencias falábase de tráfico e dun corpo de policía propio.

Isto non é nada novo. Na etapa do bipartito, os socialistas e nacionalistas intentaron o despregamento da Policía Galega, a través dunha das competencias que eles dicían máis perceptible para o cidadá galego, como era o control do tráfico interurbano, que exerce a Garda Civil.

Meses despois da aprobación da lei o Parlamento daba luz verde por unanimidade a un novo texto legal que solicitaba o traspaso das competencias, e que foi enviado ao Congreso dos Deputados. Se non lembro mal, aló por setembro de 2010, chegou ao Parlamento nacional onde nin tan sequera chegou a debaterse a delegación parlamentaria composta por Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG), Anxo Quintana (BNG) e mais por Pedro Puy, representando o PP, que volvía gobernar Galicia dende 2009, regresou cun sonoro fracaso. Así o din as crónicas da época.

Quero manifestar a miña opinión, como galego e membro da policía nacional durante 41 anos, en canto o innecesario que resulta propor, nestes intres, este proxecto de creación dun novo corpo de policía para Galicia. E o fago non porque crea que a nosa Comunidade non ten dereito a constituílo, entre outras razóns porque a Constitución, a Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e o Estatuto de Autonomía así o contemplan, senón porque en España nos atopamos nun momento en que parece cada vez menos aprazable o proceder a un estudo e reflexión sobre un novo modelo policial que adecúe a realidade policial española ás previsións contempladas na Constitución e nos Estatutos de Autonomía, sen esquecer as que se deriven, en materia de seguridade, da nosa pertenza á Unión Europea, así como ós requisitos operativos que implica ou precisa a elaboración e a posta en práctica dunha moderna política de seguridade pública para o conxunto dos cidadáns.

Entendo que antes de embarcarse neste proxecto e tendo en conta a situación actual e as perspectivas futuras dos Corpos de Seguridade españois, e a estrutura xurídica do Estado, compre artellar un modelo de seguridade que trate de obte-la máxima eficacia de cada un dos corpos de policía existentes, reordenando o anarquismo competencial no que se atopa o sistema actual, simplificando o número de corpos de seguridade, unificando a formación e enchendo a ausencia de órganos de coordinación con referencias comúns en todo o enramado da seguridade en España.

En definitiva un modelo de seguridade no que, como no educativo e sanitario, o máis importante sexan os destinatarios e o que mellor lles asegure a paz e a liberdade.

E para elo é preciso aproveitar mellor os medios existentes, distribuír dun xeito máis racional os corpos e as súas competencias e contar sempre con eficaces mecanismos de coordinación e colaboración.

Asemade, teño a impresión pola experiencia acumulada ao longo de tantos anos, que o cidadá de Galicia non sente a necesidade imperiosa dunha policía propia, como se a que ten non o fora, ca circunstancia engadida de que, a inmensa maioría dos policías e gardas civís que prestan o servizo en Galicia, son fillos da terra, aman e defenden a Galicia, tanto ou máis que os que se declaran nacionalistas.

A verdade, tampouco a experiencia das policías integrais de Cataluña e Euskadi é como para votar foguetes.

Aos feitos me remito.