Unha illa no medio do río

03 de outubro 2024
Actualizado: 07 de outubro

Imos un fato de homes e mulleres, nenos e nenas, na convocatoria de ADEGA do Proxecto Ríos para fomentar a limpeza dos nosos ríos. Fomos da man dos de Vaipolorio, que son, xunto aos entusiastas mozos e mozas da Fundación Xoán XXIII, sempre comprometidos coa limpeza do Gafos. Tocounos limpar o tramo urbano, con bastante lixo, e agardamos que para o vindeiro ano teñamos máis traballo cando, como prometeron, destapen un tramo cuberto en Campolongo

Imos un fato de homes e mulleres, nenos e nenas, na convocatoria de ADEGA do Proxecto Ríos para fomentar a limpeza dos nosos ríos. Fomos da man dos de Vaipolorio, que son, xunto aos entusiastas mozos e mozas da Fundación Xoán XXIII, sempre comprometidos coa limpeza do Gafos. Tocounos limpar o tramo urbano, con bastante lixo, e agardamos que para o vindeiro ano teñamos máis traballo cando, como prometeron, destapen un tramo cuberto en Campolongo. Logo do remate da xornada, xa cansos, fixemos unha fotografía coas bolsas de lixo para que quede constancia para as novas xeracións de que nun tempo houbo ríos que pasaban ao noso carón e algúns procuraban que fluísen limpos e sen contaminar.

O río dos Gafos sempre foi un río de lendas e historias que rulaban polos vieiros que traía e levaba o vento, e durante un tempo rulou unha que chegou a Campolongo cunha enchente do río: a lenda do Caimán do Río dos Gafos, que tiña o seu fogar no tramo cuberto do río. Eu, como partícipe indirecto dela, vou tratar de explicala. Hai tempo, o que agora é a Praza da Constitución era un verxel, unha selva para todos os rillotes da cidade, con pozas onde se escoitaban as rás e pradeiras cos grilos, relanzos do río onde pescar, vacalouras, cabaliños do demo, bolboretas, avelaíñas, donosiñas da sorte, e no ceo, os estorniños, que tiñan pensión nun palmeiral debuxando obras de arte efémeras para nós. As andoriñas daquela non emigraban, pois onde ían atopar un lugar mellor?

O lugar dos circos na cidade sempre foi o Campo da Feira, denominación popular como era coñecido polos veciños de sempre. Agora os modernos chámanlle Praza de Barcelos. Un ano, non sei os motivos, instalouse un circo nunha explanada que había onde agora está a igrexa de San Xosé. Aquel circo tiña moitos animais e moita vixilancia, e non puidemos colarnos por debaixo da lona como outras veces. Cando marchou, un rillote da pandilla, que era o máis alto e forte (algo tería que ver ser fillo de carniceiro e nós daquela non cheirabamos a carne), apareceu cunha lagartixa nas mans que, segundo el, era unha cría de caimán que fuxira dunha gaiola dun remolque do circo que levaba unha parella de caimáns. Era o máis forte e ninguén osou levalle a contraria. Despois de xogar con el, acordamos soltalo no tramo que agora está cuberto. Agora, os que sabemos da historia agardamos a que destapen o río para saber se o do caimán é lenda ou se o noso amigo dos tempos das pandillas dos días dourados da infancia tiña razón, e aquel animaliño era o Caimán do Gafos da lenda, e por fin sairá das tebras.

Outra das lendas que rulan polo río, e que moitos cremos certa, é a do DEMO ASUBIADOR, e tamén a dun pintor moi famoso, para min o mellor da historia, VAN GOGH, que copiou a cor amarela da chorima, a flor do toxo, para pintar os seus famosísimos cadros dos Xirasois, a pesar de ser da terra dos tulipáns.

Así chegará a Máquina das Castañas, que carrexa o inverno das terras do Courel, onde agroman os cogomelos e os acivros adórnanse con boliñas vermellas polo Nadal. Daí tamén viña o Aguardenteiro, un personaxe entrañable, mestura de mencilleiro e druída, que, como os estorniños, xa só fica na nosa memoria.