Estamos a vivir tempos difíciles, de retos moi complexos, de medos e incertidumes. A situación sanitaria provocada pola pandemia da Covid19 volve empeorar, con cifras que nos preocupan e que levaron ás autoridades sanitarias galegas a impoñer novas restricións ao noso municipio, Marín, e aos da nosa contorna: Poio e Pontevedra.
Debemos ser responsables. Estamos ante un dos momentos máis sensibles da nosa historia como sociedade e temos que dar a talla. A redución do contacto social é a ferramenta máis eficaz para a loita contra o virus e por iso os expertos reducen as nosas posibilidades.
Desde hoxe ao mediodía, só poderemos xuntarnos, tanto en privado como en público, cos nosos convivintes. Debemos respectar ao cen por cen esta decisión. Pasear, ir a unha terraza... só poderemos facelo coas persoas coas que vivimos. Nas nosas mans está reducir o risco de contaxio, tratando de mellorar os datos e revertir a tendencia que estamos a rexistrar a día de hoxe.
Tampouco poderemos movernos máis alá do noso termo municipal, Pontevedra e Poio. Dentro destes tres concellos a mobilidade si está permitida, pero non poderemos saír dos mesmos a non ser que teñamos unha causa xustificada. E quero incidir nesta cuestión, porque as razóns polas que precisemos movernos máis alá destes tres concellos deben estar verdadeiramente xustificadas. A nosa responsabilidade de hoxe será o que nos permita recuperar a liberdade de movementos mañá.
O mesmo sucede coas restricións referidas ao horario nocturno. Debemos manternos na casa entre as 23.00 e as 06.00 horas, seguindo as normas que suxiren os expertos que trazan estas medidas. É un esforzo colectivo (porque efectivamente entendo que é un esforzo) que temos que facer non só por nós mesmos, senón por todos os demais.
En Marín seguimos rexistrando unha suba diaria nos casos. Hoxe temos 65 casos activos e os servizos sanitarios fanlle seguemento a 158 contactos. Este aumento que estamos a experimentar preocúpanos profundamente e por iso quero facer un chamamento á veciñanza de Marín para que, por favor, cumpra estritamente con todas as novas restricións, porque aí estará a chave para a redución dos casos.
Volver sufrir limitacións á nosa vida normal é duro e ás veces supón un grande agravio, pero, tal e como dixo o conselleiro de Sanidade na súa rolda de prensa desta mañá, estas novas medidas só teñen un obxectivo: salvar vidas. Iso é razón abondo para tomalas en serio e cumprir con elas.
Quero tamén mandar unha mensaxe de apoio e de ánimo a todos os sectores económicos, especialmente ao noso comercio e hostalaría locais, que están a vivir momentos difíciles para os seus negocios, e sobre todo agradecerlles todo o esforzo no cumprimento das medidas. O seu exemplo e implicación son fundamentais para reducir posibles contaxios e para concienciar ao resto da cidadanía.
Esta fin de semana, ademais, conmemórase o Día de Defuntos, unha tradición enormemente arraigada na nosa vila. Desde o Concello, temos xa activado e funcionando todo o protocolo de seguridade para poder ir aos cemiterios de xeito seguro. Haberá controis nas entradas e nas saídas co apoio de persoal de conserxería, non se poderá ir en grupos de máis de 4 persoas que sexan convivintes e as visitas non poderán durar máis de media hora. Os horarios dos camposantos están ampliados de 08.00 a 20.00 horas. Por iso, outra vez, prego responsabilidade e seriedade para poder pasar un Día de Defuntos adaptado a esta situación.
A próxima semana, concretamente o martes, seremos avaliados de novo polo comité clínico, que nos exporá a situación sanitaria na que estaremos despois desta fin de semana e nos indicará como procederán as restricións.
Namentres, sexamos solidarios e responsables. Xogámonos moito e, como antes vos dicía, tócanos estar á altura das circunstancias. Temos que demostrar que Marín é un pobo que sabe como actuar incluso nos peores momentos. Estou convencida de que así o faremos.