O Concello de Pontevedra presentou con orgullo a incorporación dun robot de extinción de incendios, valorado en 18.000 euros. Un dispositivo teledirixido, de última tecnoloxía, capaz de operar en situacións de risco extremo. Unha boa nova, sen dúbida. Pero hai un pequeno problema: seguimos sen persoal suficiente na plantilla...
No Parque de Bombeiros de Pontevedra traballamos moitas veces con 5 efectivos, por debaixo dos mínimos. Afrontamos unha xornada laboral anual que supera todos os límites legais establecidos.
Recibimos requirimentos forzosos. Mandáronnos a policía ás nosas casas. Detectives privados vixiando. Un goberno local que ignora os continuos requirimentos da Inspección de Traballo, e que ignora as sentenzas xudiciais que recoñecen as irregularidades laborais graves da plantilla... Pero no canto de solucionar estes problemas, invisten cartos nun robot e fan pura propaganda con diñeiro que, por certo, non sae do orzamento municipal como nos queren vender, senón dos fondos de UNESPA, unha entidade privada de aseguradoras.
Compárannos con Bilbao, onde tamén incorporaron este robot. Pero Bilbao conta con máis de 200 bombeiros na súa plantilla. Nós, a maioria das veces non chegamos a estar nin 6 bombeiros nos turnos para traballar. ¿De verdade cren que estamos no mesmo nivel operativo?
E ollo, porque este robot xa comezou con mal pé. Intentaron presentalo hai un mes... e fallou. Non botaba auga. Non funcionaba. E alí estaban a Concelleira, o Director Xeral e demais responsables anulando toda a presentación, mentres o robot se resistía a traballar...
Coméntase que o robot, ao ver o panorama, pediu a baixa por estrés. Outros din que foi polo medo ás quendas obrigatorias continuas e sen descanso. O que está claro, é que agora volveu... pero con cara de estar tramitando xa unha excedencia...
Todo isto sería cómico se non fose tan dramática a situación. Aínda que, pensándoo ben... quizais o novo robot acabe afiliado nalgún sindicato, esixindo mellores condicións para as súas pezas, actualizacións periódicas de software e lubricación de calidade. Tal vez o vexamos pronto nunha Mesa Xeral de Negociación, erguendo o seu brazo mecánico e declarando unha folga por sobrecarga térmica.
Dende aquí dicímolo alto e claro: un robot podería ser útil se hai xente suficiente para manexalo, pero non a hai... non substitúe a grave falta de efectivos, nin arranxa a sobrecarga laboral, nin fará que se respecten os nosos dereitos laborais.
E, dende logo... non votará nas eleccións. Aínda que, coñecendo como funciona este Concello, igual ata iso o intentarán.
Suscriben os Delegados Sindicais de CSIF CCOO UGT