O Colectivo Monte Pituco reivindica o espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños no Día Europeo da Arte Rupestre
O colectivo Monte Pituco demanda maior atención das institucións ao mantemento e á promoción do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que abrangue territorio pertencente á Comunidade de Montes de San Xián en Marín e de Salcedo e Lourizán en Pontevedra.
Coincidindo co Día Europeo da Arte Rupestre, este 9 de outubro, o colectivo Monte Pituco destaca a oportunidade social e cultural, turística e económica, que supón que nunha área tan reducida se catalogase unha concentración tan elevada de bens patrimoniais, entre mámoas e petróglifos, que suman unha vintena de xacementos.
Neste 2020 cúmprese unha década da posta en marcha dunha comisión técnica interdisciplinar formada por activistas culturais de Marín, Pontevedra e Vilaboa que impulsaron esta iniciativa ata que o proxecto foi asimilado polas comunidades de montes de Salcedo, Lourizán e San Xián, culminando na sinalización e na inauguración da ruta en xuño de 2015.
Desafortunadamente, as tres entidades nunca volveron organizar de forma conxunta ningunha outra actividade, sendo Salcedo a comunidade que máis e mellor desenvolveu o potencial dos seus recursos naturais e arqueolóxicos, dotándose en 2019 da recreación dun poboado neolítico no lugar de Chan das Mouras.
Pola contra, a comunidade de San Xián desvinculouse por completo da iniciativa, chegando a retirar o panel informativo na entrada ao Espazo Sete Camiños dende a pista forestal do Monte Pituco (ou Pornedo, no seu topónimo tradicional). Tampouco chegou a cumprir co seu compromiso de ampliar o roteiro nunha segunda fase, tal e como contemplaba o proxecto inicial, sinalizando e poñendo en valor os diversos gravados rupestres situados en Champás e A Carrasca para conectar o Espazo Sete Camiños co Lago de Castiñeiras e coa Ruta das Mámoas do Morrazo.
Ademais, neste tempo o Goberno local de Marín non ten realizado ningunha aposta por ampliar a súa oferta educativa, cultural, saudable e de lecer con propostas arredor deste Espazo, agás unha andaina celebrada en decembro de 2015 a petición do colectivo Monte Pituco. Así, xunto coa arte rupestre e cos vestixios dos monumentos megalíticos, Sete Camiños conta con varios miradoiros como o de Pornedo, que representa un auténtico "balcón da ría".
A pesar da falta de interese destas entidades, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e o seu ámbito xeográfico próximo segue reforzando a súa riqueza co descubrimento de novos recursos patrimoniais. É o caso do monte veciñal de San Xián, a parroquia marinense coa maior densidade de gravados rupestres que, nos últimos anos, sumou varias achegas realizadas polo experto en patrimonio local Paulo Troitiño, entre as que destaca unha figura reticulada na área arqueolóxica da Carrasca, sendo a única desta tipoloxía que se conserva na bisbarra do Morrazo.
O colectivo Monte Pituco insta a retomar o ideario que marcou a "declaración de vontades" das tres comunidades de montes implicadas na creción do Espazo Sete Camiños, para legarlles ás xeracións vindeiras "un conxunto de bens patrimoniais de valor considerable, recuperados e ben conservador, non esquecidos nin destruídos", tal e como recolle o catálogo-guía do Espazo.