Manifesto de Si, hai saída co gallo do 25N

22 de novembro 2024

Manifesto da asociación Si, hai saída destinado ás mulleres que sofren violencia de xénero con motivo da conmemoración do 25N

Un ano máis, nesta data, a todas vós, as que estades a sufrir o inferno da violencia de xénero, as que estades loitando con todas as vosas forzas para saír dela, as que acabades de deixala atrás e estades a tentar, con uñas e dentes, atopar o xeito de sobrevivir vós e os vosos fillos, as que vos sentides desprotexidas, porque realmente o estades, utilizadas, infravaloradas e mesmo aldraxadas vendo como a vosa desgraza é utilizada por moitos e moitas no seu proveito, sen que os vosos sentimentos, a vosa dor, sexa tida en conta en absoluto, desde Si, hai saída queremos brindarvos a que cremos, de corazón, que é a mellor das homenaxes que vos podemos brindar:

Estar con vós, traballar por, para e con vós, e loitar con uñas e dentes, de corazón, para atopar esa saída que nos dá nome, que, ás veces, semella estar demasiado lonxe, mesmo ser tan só unha ilusión, pero que vos aseguramos que existe.

Todo o noso respecto, o noso agarimo e a nosa admiración por todas e cada unha de vós, porque sodes un exemplo para seguir.

Non vos imos prometer milagres, porque os milagres non existen.

Tampouco que o camiño é un camiño de rosas. Hai espiñas, moitas, pero nunca vos faltará a nosa man para percorrelo con vós.

A cambio, soamente vos pedimos unha cousa: que nunca esquezades canto valedes, o valentes que sodes e que si, hai saída!

Asociación Si, hai saída