A decisión por parte da Xunta de comezar un novo proxecto da Variante de Alba está creando un malestar xeral nos veciños das parroquias de Cerponzóns e Alba.
É o terceiro proxecto que se realizará trala negativa dos dous anteriores, este último parece ser que foi por parte de Fomento que non estaba conforme co enlace previsto nun dos puntos da N 550.
A Asociación de Veciños O Chedeiro está desconcertada por tantos anteproxectos, proxectos, promesas electorais, que levamos visto e escoitado o longo de tanto tempo.
Son máis de dez anos os que pasaron desde que se comezou a falar dun novo vial que solucionase o problema que existe na PO 225, un proxecto naqueles anos que era moi asequible segundo as administracións que por aquel entón se reuniron para chegar a un acordo que solucionase as situacións que se viñan dando no lugar de San Caetano das que todos coñecemos.
Concello, Deputacion, Xunta e Estado reuníronse, chegan a incluír esta variante no Plan Move dependente da administración autonómica, presupóstaselle e anúnciase aos catro ventos o seu funcionamento no ano 2015, pero non foi así.
Mentres tanto o perigo diario que soportan os veciños e peregrinos polo trazado da PO 225 segue esperando unha solución, que polo que se ve a administración non ten previsto realizar ningunha actuación que, aínda que sexa provisional, poida eliminar o estado de preocupación que temos debido ao risco de atropelo.
E todo isto por un quilómetro de vial, cousas veredes!
Asc.de Veciños O Chedeiro