Recollen os medios de comunicación que AENOR vén de premiar a ENCE pola súa xestión medio ambiental na fábrica de Lourizán.
Non sorprende tanto que AENOR, unha empresa privada que non certifica o cumprimento ou incumprimento da lexislación ambiental de ningunha empresa (neste caso ENCE), conceda este premio, como a presenza de significativos cargos públicos do Partido Popular no acto público de entrega, de forma particular a da Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que debera coñecer a situación ambiental de ENCE ao longo dos últimos vinte anos e, así pois, non avalar esta pantomima coa súa presenza no acto.
O período de 20 anos ao que se refire AENOR, iníciase practicamente no momento no que ENCE é condenada -entre outras cousas- pola comisión dun delito ecolóxico, coa conexión dos vertidos do complexo ENCE-ELNOSA ao emisario submarino, co fin do proceso de privatización da fábrica e coa venda da fábrica de cloro.
Pois ben, ao longo deste período, ENCE-Lourizán incumpriu de forma sistemática a Directiva 91/271/CEE, de obrigado cumprimento por verter á Ría xunto coas augas da EDAR de Os Praceres a través do tubo emisario.
Incumpriu boa parte das esixencias fixadas na Autorización Ambiental Integrada (AAI), concedida de forma irregular no ano 2008 e que permite contaminar por riba do establecido na lexislación.
Incumpriu a condición 8ª da Resolución de 1958 pola que se concedeu a instalación da fábrica, ao superar amplamente as 20 ppm de Demanda Biolóxica de Osíxeno (DBO) e causar danos e molestias cos seus cheiros, ruídos, fumes e gases, un incumprimento que tería que ter dado lugar -por lei- á perda da concesión.
Contamina a Ría con mercurio pola existencia deste metal pesado no solo que, como recoñeceu non hai moito, sae por escorrentía á Ría; mantén grandes cantidades de mercurio nas balsas de decantación e na chamada “canle perimetral”, deitado por ELNOSA mentres foi propiedade de ENCE.
Poida que sexa todo isto o que premia AENOR e avalan PP e Xunta.
Porque, ao longo destes 20 anos, o PP, desde a Xunta de Galicia ou desde o Goberno central, permitiu estes incumprimentos con decisións absolutamente reprobábeis:
1º.- Pechou en falso o expediente de caducidade da concesión cunha decisión de caducidade parcial que, na práctica, supuxo só a perda do campo de fútbol de Os Praceres. Nese expediente pódense ler cousas deste estilo: “Hai razóns abondo para decretar a caducidade total da fábrica pero suporía o seu peche e a perda de postos de traballo; unha alternativa sería decretar unha caducidade parcial”. Sobran comentarios...
2º.- Concedeu unha escandalosa prórroga da concesión e mesmo permite o incumprimento dos acordos asinados por ENCE en “pago” da mesma. Que pasou co compromiso de ENCE de reducir a captación de auga do Lérez a 4.000 m3 diarios? Que pasou co “compromiso social” no que fai ao reparto de 3 millóns de euros anuais entre os colectivos sociais? Non esquecemos que ese “compromiso” persegue mercar vontades e lavar a mala imaxe da empresa, pero o PP -que o asinou con ENCE- e o Sr. Domínguez (hoxe Vicepresidente 2o da Deputación e presente tamén no acto) que anunciou que lle esixiría o pago das axudas correspondentes aos anos nos que non houbo convocatoria, non poden agora mirar para outro lado.
Polo que fai á boa calidade do aire de Pontevedra, dicirlle ao Sr. de Colmenares que non ten nada que ver coas emisións de ENCE, que non se recollen na cabina de Campolongo. A incidencia das súas emisións, mídese en dúas estacións de control, insuficientes e non situadas de xeito que poidan recoller a contaminación procedente da fábrica, ben por estar baixo o seu penacho (no Areeiro), ben por non estar na dirección dos ventos dominantes (a de Campelo). Lembra Sra. Vázquez o prazo de 3 meses dado hai 6-7 anos pola Xunta a ENCE para substituír a Estación de Campelo? Moi probabelmente é nesa “nova Estación” onde mediu AENOR as melloras ambientais de ENCE... Así, Sra. Vázquez, asumen ENCE e Xunta o reto de mitigar o cambio climático.